Xuntaletras

¿Pero onde vai ese rapaciño de galescola, vicepresidente saínte? eu coido que non chegaría a escolarizarse en Primaria se o ensino non fose obrigatorio.

A entrevista que concedeu hai uns dias a un periódico pode pasar a ser a mostra por antonomasia para unha antoloxía do cretinismo político. Sen atisbo de autocrítica, nin molestarse en comer as papiñas, nin tan sequera unha cullaradiña pola mamá e outra pola aboa.

Este neno grande con barba de catro dias, non di máis que parvadas coa solemnidade de quen coida que o mundo o inventaron para que il chegase a Vicepresidente da Xunta, e como tódolos nenos non distingue os seus desexos da teimuda realidade.

A maior patochada que recolle esta entrevista do neniño, é arredor dos medios de comunicación privados de Galicia, e inxenuamente admite que intentou mercalos, pero non o logrou e agora síntese defraudado, porque segundo il non son de fiar.

Quen non é de fiar é un político, con complexo de ditadorciño que intenta que os medios de comunicación privados reciban diñeiro público coa pretensión de que escreban ao seu ditado. Non matinemos no que quer dos medios públicos...

Non sei si este pícaro sabe que en Galicia é onde máis medios de comunicación existen por habitante, que son empresas que dan de comer a moitas familias e cumpren unha función social.

Ese infante coida que a golpe de publicidade institucional, tódolos medios proclamarían o catecismo nacionalista e limarían as asperezas que presenta o exercicio da xestión política, e agora queixase de que non se dobregaran... e ocórreselle dicir que esa “ é unha relación insá e antidemocrática”

É unha sorte para o BNG, que alguén se ocupase de cambiarlle o cueiro suxo e dimitira, xa que ninguén dubida que nesa organización sobran persoas intelixentes e sensatas que tomen o mando polo ben de todos, xa que todos somos necesarios neste país.

Os neniños cando aprenden a ler, van xuntando as letras, dándolle a cada verba un só significado, ata chegar a comprenden que pode ter varios significados segundo o contexto. En política tamén hai que aprender a le-la realidade.

Lamentase de que P.P manteña implantación social... e que a prensa non lle acuda para desmantelala e poder abordar “un cambio ideolóxico, político e social no país”
Malpocadiño, aínda non se decatou de que unha mesma información nun medio, acada un significado diferente na mente de cada lector, ouvinte ou televidente, que non nos deixamos manipular doadamente e que os xornalistas non son uns xuntaletras.

Comentarios