Valentín Calvín: ''Los médicos de cabecera tendrían que tener formación específica en párkinson''

O actor Michael J. Fox, diagnosticado de párkinson en 1991, cando tiña trinta anos, axudou a normalizar unha enfermidade que ata hai uns anos provocaba rexeitamento nalgunhas persoas, aínda que, como di o psicólogo e especialista en demencias Valentín Calvín, nin contaxia nin hai nada que se poida facer para evitala, alomenos de momento. Este especialista en demencias, director do centro de alzhéimer, ofrece este venres en Lugo unha conferencia, co gallo do día mundial da enfermidade.

PREGUNTA: ¿Cal é a prevalencia da enfermidade de Parkinson?
RESPOSTA: Como noutras demencias, non hai datos moi exactos porque non adoita diagnosticarse ata que as manifestacións clínicas son moi evidentes. En España hai diagnosticadas máis de 100.000 persoas, pero sabemos que hai moitas máis. Crese que un de cada tres casos está sen diagnosticar e que se dan entre 20 e 25 casos por cada cen habitantes, dos que o 1% son en persoas de menos de 50 anos, incluso por baixo dos 40.

P: A xuventude dos afectados é un dos datos sobre o que alertan os especialistas. ¿Está baixando a idade de aparición da enfermidade ou é que se diagnostica antes?
R: É unha enfermidade que se asocia á xente maior, pero tamén afecta a persoas novas. O motivo de que estean aparecendo máis casos probablemente é que cando unha persoa de 38 anos, por exemplo, empeza a ter síntomas, ela ou a familia acuden automaticamente ao médico, e se se dan nunha persoa maior facémoslles menos caso porque os achacamos á idade.

P: ¿Que síntomas nos deben alertar?
R: O máis evidente é o non control dos movementos voluntarios, especialmente o tremor de mans, e en xeral a torpeza de movementos e, nun estadio máis avanzado, a incapacidade para falar.

P: ¿Cal é o pronóstico hoxe en día?
R: A día de hoxe é unha enfermidade neurodexenerativa irreversible, tratable e non curable.

P: Pero non é mortal...
R: Esa é a gran pregunta. A día de hoxe teríamos que dicir que non porque os enfermos de párkinson adoitan morrer doutras cousas, non é unha demencia coma o alzheimer, que leva á morte. No caso do párkinson, a longo prazo si leva a un deterioro importante biolóxico, físico e psicolóxico, porque adoita levar aparellada depresión, irritabilidade, problemas para durmir... A evolución depende moito de cada individuo pero, se se colle a tempo, cos medios farmacolóxicos que hai pode estar moitísimos anos cunha calidade de vida aceptable.

P: ¿E hai algún xeito de previla?
R: Igual que sucede co alzhéimer, neste aspecto pouco podemos aportar porque a prevención non está nas nosas mans, polo menos a día de hoxe. As recomendacións son as mesmas que para outras patoloxías: estar activo o maior tempo que se poida, levar unha dieta sana..., e pouco máis. É unha enfermidade da que non se coñece a causa. Sábese que está relacionada coa substancia nigra, cun déficit de dopamina..., pero aínda se descoñecen moitas cousas.

P: ¿É unha enfermidade ben tratada pola saúde pública? ¿Como ve os recursos existentes?
R: Como en case todas, necesítanse moitos máis recursos, sobre todo para a diagnose precoz, que a administración se volque máis. Nun lugar como Galicia, cunha poboación tan dispersa, sería moi interesante que na rede de atención primaria os médicos tiveran formación especializada porque o que fan é derivar ao neurólogo e ás veces esa consulta demórase seis ou sete meses, un tempo moi interesante para atallar a enfermidade.

P: E supoño que a Seguridade Social non financia as terapias físicas e psicolóxicas...
R: Non, por iso nacen as asociacións, para buscar recursos. Home, a Xunta acaba de abrir o centro de alzheimer no que tamén facemos terapia de párkinson, pero aínda queda moito por facer.

Comentarios