Usos curiosos

Hai ocasións abondo nas que a Historia nos ten amosado como unha boa idea ou unha práctica xusta acaban por se converter nalgo perverso. Así, o burka —o vestido que os talibáns afganos obrigaban a usar ás mulleres— xurdiu en principio como unha vestimenta de uso esporádico que se utilizaba para que a futura esposa seducise ó seu home polo intelecto e non polo físico.

Do mesmo xeito, os bancos suízos comezaron a aplicar a confidencialidade das súas contas e o segredo bancario para defender ós hugonotes, protestantes franceses que sofrían persecución.

No primeiro caso, o burka acabou convertido no símbolo da opresión á que os fanáticos afganos sometían de xeito vil ás súas propias nais, irmás e esposas e no segundo... En fin, creo que todos estamos a padecer os escuros movementos dos bancos suízos e dos doutros paraísos fiscais que tanto dano fan á especie humana. Non serei eu o primeiro que descubra que coas fortunas ilegais que se agochan en Xenebra ou nas Illas Caimán acabaríase a crise financiera en dez minutos.

Vén este tema a colación por algo que, se ben é necesario e útil, moitas veces termina moi alonxado dos seus obxectivos. Refírome á publicidade institucional. É esta unha ferramenta imprescindible para dar a coñecer concursos públicos, avisos de terreos que se van ver afectados por obras a realizar polas administracións, campañas de concienciación cidadá ou leis e medidas que nos van afectar a todos. Un bo exemplo foi o xa famoso “Póntelo, Pónselo” co que se tentaba que a poboación interiorizase a necesidade de usar o preservativo nunha época en que a SIDA golpeaba de xeito alarmante ós xóvenes e non tan xóvenes españois. Estaremos dacordo en que aquela campaña foi un éxito. 

Outro exemplo, pero de escaso éxito, foi o de dar a coñecer as equivalencias entre pesetas e euros. Vistos os redondeos, a campaña fracasou pero non cabe dúbida de que a idea era boa.

Dende hai arredor dun ano, veño observando en tódolos medios de comunicación lugueses unha serie de anuncios da administración autonómica ós que ou non lles capto a mensaxe. Un deles vennos a explicar que no campo galego hai moitos produtos e que todos eles hai que elaboralos. Outro dinos que os comercios teñen cores e pregúntanos cal é a nosa. Un terceiro, tal vez máis divulgativo, fai unha louvanza do turismo termal de Galicia, pero sen darnos máis referencias de onde podemos desfrutalo e por qué é tan macanudo.

Parece que, en tempos de crise, alguén podería pensar mal deses anuncios. Creo eu.

Comentarios