Unha maneira de abrirse camiño

As obras públicas inclúense nas saídas laborais desta titulación.
photo_camera As obras públicas inclúense nas saídas laborais desta titulación.

Participar na construción ou mantemento das infraestruturas viarias, na ordenación do territorio ou na xestión dos recursos hidráulicos está na man dos enxeñeiros técnicos de Obras Públicas, que se forman en Lugo na Escola Politécnica Superior desde 2003

desde o curso 2003-2004, o campus de Lugo oferta a Enxeñaría Técnica de Enxeñaría Civil, que forma enxeñeiros técnicos de Obras Públicas e que, coa transformación ao plan Boloña o curso pasado, pasa de tres a catro anos. A Escola Politécnica mantén cincoenta prazas de ingreso nunha titulación que nos seus primeiros cursos rozou as 300 solicitudes.

A Enxeñaría Civil nace en Europa a mediados do século XVIII, cando as obras de utilidade e financiación pública deixan de ser proxectadas polos enxeñeiros militares, ata entón os únicos profesionais con formación necesaria para levar a cabo este tipo de funcións. A chegada da Ilustración e o cambio político que conlevou incrementou considerablemente este tipo de obras de uso especificamente civil e de técnicos capaces de concebilas e construilas. En España, o nacemento formal da Enxeñaría Civil tivo lugar en 1799 coa creación do Corpo de Enxeñeiros da Inspección Xeral de Camiños decretada por Carlos IV.

En setembro de 1802 fúndase a Escola de Enxeñeiros de Inspección Xeral e, finalmente, mediante o Decreto do 26 de xullo de 1804, créase o título de enxeñeiro de Camiños e Canais, que se outorga aos que finalizan os estudos nesa escola. En 1934 a denominación do título sería ampliada e adquiriría a forma definitiva de enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos.

En 1854 créase o Corpo de Axudantes de Obras Públicas e tres anos máis tarde, por decreto de Isabel II, a Escola de Axudantes de Obras Públicas, agregada á de enxeñeiro de Camiños. Coa Lei de Ordenación das Ensinanzas Técnicas de 1957, os titulados pasan a denominarse peritos de Obras Públicas e, a partires de 1964, enxeñeiros técnicos de Obras Públicas.

A principios dos anos 90, diferenciáronse tres ramas dentro desta carreira: a de Hidroloxía, a de Construccións Civís, e a de Transportes e Servizos. É esta última a que se impartíu na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo desde o curso 2003-2004.

A Universidade de Santiago considera que os retos de futuro fan necesario este título. Subliña cuestións como o desenvolvemento das enerxías renovables, no que Galicia é un referente, a construción dos accesos por ferrocarril de alta velocidade á meseta; a construción e explotación dos grandes portos exteriores da Coruña e Ferrol; así como o cumprimento da directiva europea en materia de depuración das augas das rías; a planificación urbanística das cidades ou a xestión de medios de transporte colectivo urbanos.

Funcións

Os egresados da Escola Politécnica Superior están formados para desenvolver labores de planificación, proxecto, construción e conservación das infraestruturas básicas de transporte -tales como carreteras, ferrocarrís, portos-; para o mantemento e conservación dos rescursos hidráulicos e enerxéticos; para a realización de estudos de planificación territorial e dos aspectos medioambientais relacionados coas infraestruturas; para a ordenación do territorio e a urbanización do espazo público urbán -distribución de auga, saneamento, xestión de refugallos, sistemas de transporte, tráfico ou iluminación, entre outros-.

Os estudos de Enxeñaría Civil en Europa seguen dous modelos: o integrado e o bimodular. O primeiro conduce a un único título, mentres que o segundo artéllase nun primeiro ciclo de catro anos e que se completan cun máster posterior. Foi este último modelo o que se seguíu en España, cun primeiro título de grao, de catro anos de duración, que habilita ao titular para exercer a profesión regulada de enxeñeiro técnico de Obras Públicas. Existe a posibilidade de cursar despois un máster que outorgará as competencias profesionais do enxeñeiro de Camiños, Portos e Canais, que en Galicia oferta a Universidade da Coruña.

Este modelo foi o recomendado pola rede Euceet -European Civil Engineering Education and Training- que ten entre os seus membros a casi 100 universidades europeas.

Estudos

O plano de estudos inclúe un total de 60 créditos de formación básica; 66 créditos comúns á rama civil; 54 de tecnoloxía específica de Construcións Civís; 48 de Transportes e Servicios Urbáns e 48 de Hidroloxía. ademais dos 12 créditos do traballo de fin de grao. A combinación das materias obrigatorias e optativas para cubrir os mínimos establecidos permite formarse nas distintas especialidades.

As materias agrúpanse en varios bloques: Matemáticas, Física, Expresión Gráfica, Enxeñaría do Terreno, Enxeñaría Hidráulica, Enxeñaría da Construción, e Enxeñaría do Transporte e do Territorio. Ademais, hai materias, obrigatorias, que quedan fóra destes grupos, como Xestión de Empresas, Informática, Topografía de Obra, Electrotecnia e Proxectos de Enxeñaría Civil.

A maioría destas materias teñen unha parte práctica que se desenvolve en algún dos 18 laboratorios e 8 naves obradoiro da Escola Politécnica Superior. Os máis relacionados con este grao son os laboratorios de Física, Cálculo de Estruturas e Xeoloxía e as naves de Materiais e Tecnoloxía Mecánica, de Construción, de Hidráulica e de Vialidade, ademais dos espazos definidos como de usos múltiples. Por outro lado, tamén se dispón de dúas aulas xenéricas de expresión gráfica, de 37 e 35 prazas.

Prácticas

Escola Politécnica Superior ten convenios con máis de trescentas entidades para que os seus alumnos poidan facer prácticas. No caso do grao que substitúe a Enxeñaría Técnica Forestal, ofértanse 80 prazas.

A EPS ofrece tamén amplas posibilidades para facer unha estadía no estranxeiro. Conta con convenios con varias universidades portuguesas, italianas, alemás, francesas, checas, belgas, húngaras, polacas, finesas, gregas, maltesas, canadenses, cubanas, brasileñas, mexicanas, uruguaias ou chilenas, entre outras. Participa dos programas Erasmus e Sócrates, entre outros, ademais do Erasmus Mundus, pensado para que os titulados fagan prácticas en empresas ou entidades do estranxeiro.

Perfil

  • Rama científico-tecnolóxica

Aínda que non se precisa formación previa específica para o ingreso no grao, é recomendable ter cursado a rama de Ciencia e Tecnoloxía. Ademais, recoméndase que o alumno teña certas cualidades.

  • Cualidades

O perfil do estudante de Enxeñaría Forestal debería incluir curiosidade intelectual, hábito de lectura, capacidade analítica, crítica e de aplicar fundamentos para a resolución de problemas; constancia e responsabilidade no traballo, capacidade para o traballo en equipo e para usar o tempo de maneira efectiva; competencia en expresión oral e escrita; competencia lingüística en inglés, ademais de en castelán e en galego; competencia en ferramentas informáticas básicas e coñecementos básicos de Debuxo Técnico, Química, Bioloxía e Xeoloxía a nivel bacharelato.

RECURSOS
40 profesores imparten docencia

 

No grao de Enxeñaría Civil imparten clase 40 docentes, deles 25 a tempo completo e o resto a tempo parcial, aínda que se debe matizar que a súa adicación non é exclusiva a esta titulación, senón que tamén teñen docencia noutros graos que se imparten neste centro.

Estrutura

En canto á distribución en categorías docentes, hai dous catedráticos de universidade; dez titulares; un catedrático de escola universitaria; catro titulares de escola universitaria; tres contratados doutores; un colaborador doutor; 14 profesores asociados de universidade e catro docentes agrupados na calificación de «outras».

Así estaba conformada a plantilla docente en 2010, sen que houbera previsións de que fixera falla ampliala para poñer en marcha o novo grao.

Comentarios