Un reavivador de conciencias

Foto: PEPE ÁLVEZ
photo_camera Foto: PEPE ÁLVEZ

AQUILINO González é directivo de Auxilia Lugo, coordinador de diferentes campañas de accesibilidade ao patrimonio cultural e responsable da campaña para lograr a plena accesibilidade á muralla. Loitador incansable polos dereitos sociais e a integración das persoas con discapacidade, non para de reavivar conciencias. Irradia un entusiasmo e unha enerxía capaces de contaxiar a todos aqueles que ten ó seu carón, converténdoos en verdadeiros activistas pola causa: ‘Sempre pensando en plural’. É un dos máis estreitos colaboradores desta Xerencia no seu obxectivo de construción de ‘Museos para todos entre todos’. A protección do patrimonio é fundamental, mais tamén o é defender o dereito de tódalas persoas a desfrutar do mesmo. Nas súas propias verbas:

«Todos debemos marcarnos obxectivos. Son como chanzos que imos subindo na escaleira da vida. Ás veces damos un traspés e podemos caer, pero esas ilusións son como as varandas da escaleira ás que te podes agarrar, repoñerte, erguerte e seguir o teu camiño…» Propiciar, sumar, cambiar e derrubar muros está nas mans de todos.

Comentarios