Un muro nas Pedreiras

O último sábado rendémoslle homenaxe, en Ourense, a unha figura singular da cultura galega, o historiador e erudito Marcos Valcárcel. Dous días antes estivera el en Lugo, nun acto ao que por razóns particulares teríame gustado asistir. Pero souben da súa celebración o venres, unicamente porque lle cadrou.

A ocasión levaba título Escritores e xornais na construción dunha identidade cultural: a prensa cultural galega entre 1875 e 1931, e constituía relatorio dentro do Congreso Internacional de Literatura Hispánica e Prensa Periódica (1875-1931) que se desenvolvera na facultade de Humanidades. Talvez non é irrelevante que eu, o ignorante canto á existencia de tal actividade, sexa titulado e profesor en materia humanística; en concreto, no presente curso, da disciplina denominada Literaturas Hispánicas.

Talvez, igualmente, non deixe de ter importancia que outro inadvertido, que non cito polo nome, reúna así mesmo a dobre condición de presunto interesado no tema e amigo persoal de Marcos Valcárcel. Nin el nin eu soubemos do citado acto ata despois de celebrado.

Poderán comprender que os nosos deberes de amizade nin xustifican esta columna nin obrigan a universidade.

Diferente asunto é que os contidos desenvolvidos en tal congreso pasen relativamente desapercibidos no ámbito do ensino medio e os sectores cidadáns máis atraídos pola cousa xenericamente cultural e especificamente literaria. Admito que o simposio foi publicitado mediaticamente hai dúas semanas; sei agora tamén que a concelleira de Cultura estivo na presentación e o alcalde inaugurouno, xunto con representantes da Deputación e maila entidade organizadora. Non encontro, porén, na información atrasada máis ca brevísima referencia de especialistas participantes. Nin son consciente, e xa sería despiste excesivo, de que algunha información concreta sobre relatorios e relatores chegase ao meu departamento docente; ou fose posta, de maneira efectiva, ao alcance do mundo literario.

Dise a miúdo, e non sen tino, que a implantación de centros universitarios mudou nas últimas décadas a demografía e, en certa medida, estrutura económica de Lugo. Tocante a vida diaria, con todo, hai quen opina que a cidade vive de costas á institución académica, coma se a pouco de baixarmos pola Avenida de Madrid xurdise unha especie de parede virtual; de ter base a metáfora, quizá a tal muralla se construíu, e mantén, desde ambos lados. De forma probablemente involuntaria, pero igualmente lamentable.

Más en Lugo Ciudad
Comentarios