'Tutoloxía'

Os italianos chámanlles "tuttologos" a quen participan nos medios de comunicación  opinando de "tutto" por que si.

A igrexa católica vai camiño de asentarse na tutoloxía, no canto da teoloxía. Xa que si a un xudeu lle dan a comer carne de porco, por descoñecemento, non por iso convoca unha rolda de prensa. Nin os mormóns meten silicona nas pechaduras dos bares, porque eles sexan abstemios.

Pero a igrexa católica créese con dereito a abordar temas como as células nai, o divorcio e sobre de todo o aborto, saíndo en manifestación coa intención de impoñer o seu criterio a toda a sociedade, sen decatarse de que xa non son temas só de moral relixiosa. Como demostra a existencia de intelectuais ateos que se manifestan como antiabortistas, e de cristiáns que están a favor.

Non sei a que ven o "pronunciamento" sistemático da igrexa en temas nos que a súa posición é obvia e non é materia opinable para os seus fieis. A pesares diso fustígannos coa súa "opinión" no contexto que sexa, e aínda que se lles pregunte polo cambio climático, como toque falar do uso do preservativo en África, "pronunciaranse" sobre os preservativos e punto.

Así a anécdota máis escandalosa que eu recorde en Lugo, ocorreu polo Corpus un ano  no que lle correspondía realizala ofrenda do Antigo Reino de Galicia a cidade de Mondoñedo.
O seu alcalde, o socialista Javier Loira, abordou con exquisito empeño a representación da súa cidade, con unha alocución sobre o compromiso social. Na réplica tomou a palabra o bispo da mesma diocese, a sazón monseñor Gea Escolano, que como non podía ser doutro xeito, non tiña nada que ver co que expuxera o rexedor mindoniense, e tralos saúdos de rigor, arremeteu sen duelo contra o aborto.

A réplica do prelado, precedíanlle varias entrevistas que concedera naquel inverno nas que monseñor "opinaba" que as señoras abortaban por gardar a liña e outras "tutoloxías" que deixaban craro que as mulleres eramos todas sospeitosas e culpables cautelarmente, mentres non demostrásemos o contrario.

Pero a xerarquía eclesiástica presente no altar, non compartía o seu alegato. Os xestos e os micrófonos foron cómplices de que se escoitasen a modo de susurros, comentarios de desaprobación entre os outros prelados, ante tanta zafiedade e soberbia.

Monseñor coas proclamas antiabortistas, intentaba pavimentar o camiño cara a diocese de Valencia, remataron por ser unha caricatura de si, e endexamais acadou tal destino, e déronlle volta as súas mensaxes para usalas a favor do aborto.

Comentarios