Tempo de folgar

A pasada semana os operarios do servizo de recollida de lixo de Nigrán (Pontevedra) mantiveron en xaque a poboación e ós veraneantes —case 35.000— deixando que se amontoasen moreas de residuos nas rúas do concello e, especialmente, nas proximidades das praias, os lugares con máis atractivo da zona. Finalmente acadouse un acordo polo que os traballadores do servizo se alzaron co cen por cen das súas reclamacións, segundo afirmou o azote das administracións públicas socialistas, máis coñecido como Confederación Intersindical Galega (CIG).

En plena folga de Nigrán, os operarios do servizo en Monforte animáronse a seguir o exemplo dos seus colegas da costa advertindo de que poderían parar en pleno mes de agosto cando a cidade do Cabe celebra as súas festas e acolle a boa parte dos seus fillos cataláns que mencionabamos nesta columna hai sete días. Con esas folgas presumiblemente indefinidas, nas rúas de Monforte poderíanse amontoar diariamente 23 toneladas de lixo. Mmm. Supoño que detrás das ameazas ó concello de Lemos están os de sempre, UXT e CCOO, que só pensan nos seus intereses en lugar de facer un esforzo por servir á cidadanía cando máis o precisa. Non podían deixar a folga para outubro en lugar de molestar ós que visitan Monforte? Non. Xa saíron ameazando e seguro que acadan os seus obxectivos gracias á paciencia de Severino Rodríguez, alcalde monfortino.
As diferencias entre os dous conflictos laborais son obvias: en Monforte apunta a unha extorsión á cidadanía, mentres que en Nigrán tratábase claramente dunha loita secular da clase traballadora e oprimida galega.

O certo é que os sindicatos fan en Lugo unha labor curiosa. Creo que todos coñecemos a xente que traballa dez ou doce horas tendo un contrato de media xornada, persoas que se ven obrigadas a axudar na casa de quen os emprega realizando tarefas para as que non foron contratadas, incumprimentos reiterados de convenios colectivos e falta de elementais normas de seguridade no traballo. Pero os sindicatos sempre miran para outro lado, neste caso hacia as administracións públicas. Caso distinto é o das organizacións agrarias que si saben defender os intereses dos seus afiliados chegando ata onde faga falta.

Pero, mentres agardamos a que esto mellore, que temblen as administracións socialistas pois, se a CIG foi quen de destruir todo o poder do Vaticano en Chantada —encarnado por cinco monxas que sumaban 450 anos pero dispuñan de crucifixos láser—, qué somanta non lle ha dar ó Señor Touriño.

Comentarios