Tellados

No meu lugar de traballo hai un mapa aéreo da cidade de Lugo. Eu, na casa, teño un mapa aéreo da vila de Chantada. Ademáis da obvia diferencia de tamaño, hai un elemento que distingue claramente unha e outra fotografía aérea. Trátase da cor predominante. No caso do Corazón de Galicia o que predomina é o alaranxado mentres que no da cidade das murallas é o gris escuro o tono característico. Esto débese a que, a diferencia do resto da provincia, os chantadinos cubrimos as nosas casas con tella, ben sexa do país, ben castelá ou ben da chamada inglesa que son esas máis aplanadas.

O tono gris escuro de Lugo e do resto de vilas débese ó emprego de pizarra —lousa refinada, para entendernos— nos tellados. Dende tempo inmemorial foi ese o material escollido non só para revestir a parte superior da casa senón para facer as propias paredes da vivenda, para levantar os valados que separan unhas leiras doutras e ata hai lugares da Ribeira Sacra que teñen camiños lousados. A propia muralla de Lugo está feita de lousa nunha altísima porcentaxe. A pizarra verde de certas zonas orientais da provincia é un material de luxo que da un toque de distinción a canto edificio público ou establecemento hostaleiro que opta por utilizala.

A pizarra foi das poucas cousas, xunto co bonito de Burela ou a base do aluminio de San Cibrao, que conseguimos exportar ata convertelas en sinais de identidade da nosa provincia e motores de desenvolvemento económico. Agora a producción pizarreira está a pasar apuros.

Din os expertos en economía que a crise do sector da construción afecta ás empresas extractoras de pizarra xa que, por non haber novos edificios, non hai solos, tellados e paredes que revestir. Moitos preguntámonos onde están os beneficios multimillonarios que obtiveron os propietarios das pizarreiras de Quiroga e do Courel nos recentes anos de bonanza e qué caste de empresarios son que non viron o que podía suceder. Pero independentemente desas consideracións, o certo é que hai moitas familias do sudeste da provincia que levan tres meses sen cobrar e, polo tanto, sen pagar as letras do coche ou da hipoteca. E semella que a cousa aínda podería ir a peor.

O pasado día 12 houbo unha manifestación en Quiroga dos traballadores das pizarreiras para demandar solucións ós serios problemas que están a ter e para pedir os donos das empresas que dean a cara. Esperemos que a próxima protesta se faga en Lugo e que, por unha vez, conte co apoio maioritario dos lugueses. Ah! E que sirva para algo.

Comentarios