Roupa

En 1981 Bobby Sands acadou, desgraciadamente, fama mundial polo seu falecemento logo de autoimpoñerse unha penosa folga de fame no cárcere de Long Kesh. Sands era un preso do IRA que encabezou as protestas que, co sacrificio da súa e doutras vidas, serviron para acadar importantes melloras nas condicións dos presos irlandeses nas prisións británicas. Se están moi interesados no tema, recomendo a película En el nombre del hijo, dirixida por Terry George en 1996.

As protestas de Sands e os seus compañeiros empezaron por unha cuestión de vestimenta. Negábanse a levar o uniforme carcerario ó considerar que os denigraba como persoas. O lema que Sands deixou para a posteridade foi “a nosa vinganza será o sorriso dos nosos nenos”.

Falando de nenos e imposicións de vestiario, leo neste xornal que grupos de pais de alumnos de colexios concertados de Lugo piden que se implante o uso do uniforme nos centros. Inicialmente faríase nos cursos de infantil pero logo iríase ampliando a tódolos graos. Os interesados aducen que o uniforme supón gran aforro xa que non hai que seleccionar a roupa de cada día. Tamén din que, ó levar uniforme tódolos nenos, evítanse comparacións entre prendas que poden levar á exclusión dalgún cativo do grupo por non lucir “o que mola”. 

O derradeiro argumento consiste en que, como non teñen que preocuparse pola moda, os rapaces e rapazas poden concentrarse no estudio con todo ahínco.

A cuestión do uniforme tamén empeza a plantexarse nalgún colexio público lucense pero a xurisprudencia indica que será difícil que a medida pase o filtro legal nos centros de titularidade pública.

Non creo que ninguén vaia chegar ós extremos de Bobby Sands pero cabe pensar que haberá algunha oposición organizada contra os uniformes.

Non dubido que as razóns esgrimidas polos partidarios do uniforme sexan de índole práctica pero preocúpanme algunhas das súas explicacións pola imaxe que transmiten da sociedade en que vivimos.

Cales son os nosos valores cando é posible que a roupa estableza diferencias entre os cativos cando están no mellor da súa vida e no tempo en que se forxan as amistades máis inesquecibles?

Como é posible que os nosos fillos poidan desviar a atención do estudio por cuestións de moda? Non digo que non suceda senón que é moi triste precisamente porque pode suceder.

Se cadra é imprescindible o uso do uniforme polas razóns que din os pais pero, nese caso, o grave non é ver os nenos uniformados senón en que situación estamos para ter que chegar a iso.

Comentarios