Romeo e Xulieta

Cando tiña eu vinte anos, e sen saber moi ben por qué, fíxenme seguidor asiduo da serie de TV El Chavo del ocho. Unha comedia mexicana dos anos 70 dirixida ó público infantil con personaxes entrañables como D. Ramón, o profesor Jirafales, El Ñoño ou o inesquecible Quico. Adoraba aquelas tardes cheas de incidentes encadeados que sempre remataban cunha mensaxe positiva ou cunha moralexa.

Por qué lembrar nesta columna aquela serie?. Pois porque o San Froilán pasou, as casetas do polbo pecharon e o Nadal aínda está lonxe. E El Chavo pode ser unha boa opción lúdica para encher as horas libres.

Pero, por fortuna, a oferta de ocio é moito máis ampla e, despois dun tempo privándonos do seu carrusel de ilusión e de cor, voltaron á nosa capital os membros de AGIR, AMI, NÓS-UP, e demais seguidores de Fofó, Miliki e Charlie Rivell.

O motivo da súa reentrée é o xuizo na Audiencia Nacional a Ugío Caamanho (sic) e Giana Rodrígues (snif) por, presuntamente, colocar un artefacto explosivo nunha sucursal duna entidade de crédito de Santiago de Compostela.

Unha vez máis, Lugo volveuse encher de pancartas e carteis nos que se pide a liberdade para estes mártires do independentismo. En Conturiz hai unha pintada alusiva a esta inxustiza digna do mesmo Tizziano. Por suposto, a Caamanho califícano de “preso político”.

Non serei eu quen o xulgue pero, nesta aburrida época do ano, non estaría mal que o tal Ugío nos deleitara ós lugueses cunha nova colocación de petardos e coas declaracións que ata o de agora leva feito no xuizo. Tanto unha como as outras teñen tódolos ingredientes que non faltaban nas películas das mellores épocas de Fernando Esteso e Andrés Pajares.

O que tén de bó este proceso xudicial é que marca a diferencia entre a anterior época do goberno de Fraga e a actual, caracterizada polo vicemandato de Quintana. Con Don Manuel era o dúo Pimpinela nas noites dos venres en Luar o que escenificaba desputas amorosas e conflictos de parella para acabar cantando aquelo de “Galicia, cada día máis linda...”. Agora son Ugío e Giana os que viven o seu particular romance perante o xuiz, con exculpación do namorado á súa amada incluida. E todo coa canción de Galiza, cada feira máis independemte... como banda sonora. 

21 anos de cadea  pide a Fiscalía para Caamanho. Excesivo. Unha cousa é, probablemente levado por ansias de impresionar a Giana (e de fornicación) poñer unha bombiña intrascendente e outra ser discípulo do Mullah Omar. Que non sexa o fiscal tamén un fanático.

Comentarios