Rigor

Nestes tempos semella que todo está invadido pola crise. Algúns xa están reservando os macarróns e as latas de sardiñas para a cea de Nadal e moitas mulleres remendan os abalorios do traxe de finde ano de 2007 para volvelo utilizar desta volta; e eso supoñendo que haxa festa. A crise abre tódalas conversas, preside tódolos actos públicos e, cousa preocupante na provincia de Lugo (que non na cidade) nin sequera da pé a facer chistes.
As nabizas e as incipientes matanzas dos cochos atenúan os efectos da crise en Lugo pero non por elo deixamos de escoitar voces que tódolos días nos pintan o averno para o presente e con claros síntomas de ir a peor.

Pero no medio deste sinvivir leo en El Progreso unha noticia que me deixa sorprendido e que, ademáis de transmitir esperanza, tamén da que pensar. É a seguinte: A empresa luguesa Magnesitas de Rubián aprobou unha suba salarial do 4% para os seus empregados, daralles un plus de transporte de 0,19 euros por quilómetro e concederá axudas para os fillos dos traballadores en idade escolar de ata 400 euros. Ademáis, sube a 5.000 euros a póliza de seguros a cobrar por un obreiro en caso de accidente laboral.

O normal nesta coxuntura económica sería que Magnesitas apostase por un ERE deses que tanto oímos mencionar últimamente ou que presentase unha oferta máis precaria ós seus traballadores. Pero non foi así e amosouse que mallar no empregado non é sempre a mellor opción para sair das crises. Felicito a Eduardo Jiménez, máximo responsable da entidade e, por certo, presidente dos empresarios de Lugo.

Outro caso digno de eloxio e que amosa que no capitalismo as cousas se poden facer moi mal —como as financieiras norteamericanas— ou moi ben é o da Caixa Rural Galega. Esta empresa con cerne en Lugo pero que xa se extende por todo o país amosou o pasado ano que a crise afecta ás entidades que xogan con lume e non a quen aposta polo rigor nas contas e por non experimentar ó tuntún. Fronte ós Lehmann Brothers, Citigroup ou outras firmas que durante décadas foron o modelo a seguir e a máxima aspiración de calquera economista, a Caixa Rural non arrastrou a ninguén a ruina,como fixeron os anteriores. Máis ben ó contrario.

É certo que Magnesitas e a Caixa Rural se moven en sectores pouco suxeitos ós vaivéns da crise pero algo estarán facendo ben para non verse afogadas. En calquera caso, dubido que algún capitoste capitalista se fixe no que se fai en Lugo e non só nestas dúas empresas. Pero dubido que o G-20 reunido hai días se enterara.

Comentarios