Ricardo Varela: 'Es indecente lo que está haciendo el PP con las mociones de los tránsfugas''

O novo líder do PSOE de Lugo está de volta de todo, logo de estar na primeira liña da política galega. Aínda así semella non ter perdido a ilusión neste novo cargo, que non considera un paso atrás, senón un compromiso cos seus compañeiros de partido.

Que obxectivos se marca como secretario provincial?
Un primeiro sería de carácter interno, co fornecemento das agrupacións, para lograr máis afiliación e mellor estrutura e organización. Nesta liña xa se estaba traballando, e ben, a través dunha coordinadora. En segundo lugar, outra de carácter máis externo, que é a preparación dos procesos electorais, e o vindeiro é o das eleccións municipais, por tanto o esforzo será para tratar de ser a primeira forza municipal na provincia. Nos últimos comicios locais o PSOE pasou a gobernar a máis do 60% da poboación e a consolidarse como a forza que preside a Deputación de Lugo.

Contar co 91% de votos no congreso indica que hai bastante consenso en torno ao seu liderado.
Seguramente será un apoio inmerecido. Eu creo que ten que ver coa miña traxectoria, onde creo que os compañeiros valoran a dedicación e a entrega ao partido e as agrupacións cando o necesitaron. Creo que é un voto de confianza no traballo que podo facer non só eu senón tamén esta dirección.

Incorpora ademais moita xente nova na executiva. Non será unha aposta arriscada?
Non, porque hai tamén persoas con experiencia. Ademais, a xente nova ten unha experiencia contrastada no eido municipal. É xente que eu observaba e, por tanto, non estou xogando á ruleta. A elección das persoas da executiva foi moi medida, meditada e razonada. Son xente con experiencia e capacidade e hai tamén persoas con dilatada experiencia política polo que haberá un ‘mix’ moi bo.

Despois de ter sido o ‘número dous’ do PSdeG, alguén pode pensar que este cargo é un paso atrás.
Non, porque cando foi o congreso galego trasladei aos compañeiros a miña vontade de non seguir en primeira liña no ámbito galego. Agradecín as manifestacións e interese para que seguise, pero a miña vontade era outra. Cando se producen os congresos provinciais, os compañeiros de Lugo pídenme que me comprometa. Non lles puiden dicir que non e asumin con gusto esa responsabilidade. Ademais é un feito histórico, posto que é a primeira executiva que sae dun congreso provincial destas características, cunha estrutura que nace nova e creo que podemos aportar moito co noso traballo.

O PP cualifica a súa elección como o ascenso dun perdedor.
Pois non sei se será o señor Barreiro quen di iso, que perdeu a Deputación, o Concello de Lugo, as autonómicas nunha ocasión e nesta polos pelos. A miña traxectoria á fronte do meu partido está clara, cando empecei gobernabamos en sete ou oito concellos, estabamos entre tres e cinco deputados na Deputación, tiñamos un deputado nacional e esa era a bagaxe. De aí pasouse a ter alcaldes en 27 concellos, a gobernar na Deputación con once deputados...  Creo que hai un traballo que non se pode cualificar como fai o PP. En calquera caso creo que fan mal en meterse na política interna doutras organizacións. Teñen moito que atender na súa casa e deberían dedicarse a limpala un pouco.

Polo de pronto semella que o PSdeG vai perder tres alcaldías, dúas en Lugo, en Láncara, O Courel...
Non as perdemos, róubanas. Perder é cando un leva algo e se lle cae e o perde; cando llo quitan do peto, iso chámase roubar.

Temen que siga o goteo de mocións tendo en conta a debilidade dalgúns pactos?
Falando de debilidades, esa é unha debilidade da dereita, tratar de conseguir a través de métodos ilexítimos o que non consigue nas urnas. O que está facendo o PP coas mocións dos tránsfugas, que non hai que confundir coas mocións de censura, é algo absolutamente indecente. Creo que iso lles vai pasar factura. A xente xa está madura politicamente e non vai consentir que nos seus concellos se vaian facer prácticas como as que está a facer o PP, amparadas e impulsadas pola directiva provincial e pola nacional, nunha actitude hipócrita.

As relacións co BNG logo das tensións no bipartito semella que están a mellorar nos gobernos locais e provinciais. Tentan evitar erros do pasado?
As relacións co BNG nos concellos están en moitas ocasións condicionadas por cuestións máis de tipo persoal que político. Maioritariamente funcionan ben e nalgúns casos hai dificultades, tanto para configurar o propio pacto como para mantelo, pero tanto uns como outros estamos aprendendo a vivir na política de posibles coalicións, como se fai en toda Europa.

Volverán a repetir todos os alcaldes como cabezas de lista?  E estou pensando en concreto no de Lugo.
Se me pregunta en concreto por Lugo, non hai ningunha razón para pensar que o alcalde non vaia repetir. É moi bo alcalde, ten un enorme apoio popular, está facendo unha magnífica xestión, está cristalizando boa parte dos proxectos que custaron moito tempo desatascar. No conxunto da provincia hai que ver o que din os propios compañeiros, xa que é unha decisión persoal e dos militantes con respecto á candidatura.

E o candidato a presidir a Deputación volverá a ser Gomez Besteiro ou como se di por aí está chamado a ocupar cargos de maior rango?
Falando da xestión, José Ramón está facendo un moi bo traballo na Deputación e debería de consolidar nos seguintes catro anos o labor que está a facer. Pero se é reclamado para facer outra función e o partido e el están de de acordo, non teño inconvinte en apoialo. Pero eu creo que José Ramón pode consolidar ese cambio democrático que se produxo na Deputación.

Seguramente o PSOE de Lugo ten en José Blanco o seu curmán de Zumosol. Van basear a estratexia electoral das municipais nos investimentos de Fomento ou é só unha parte do proxecto socialista?
Evidentemente, os investimentos de Fomento son moi importantes, porque son sempre partidas cuantiosas e obras de gran envergadura, e é moi importante o que está a pasar co remate da autovía do Cantábrico, o impulso das de Ourense e Santiago, coa ponte do Miño... Pero hai moito traballo desde os propios concellos, posto en marcha pola anterior Xunta de Galicia, e iso terá un reflexo na decisión dos cidadáns.

Cre que a crise lle pasará factura a Zapatero?
As crises non son boas compañeiras de viaxe para un proceso electoral. Creo que os cidadáns valorarán o esforzo que está a facer o goberno de Zapatero para que a crise non azoute aos que teñen máis dificultades, parados, pensionistas... que non castigue aos sectores publicos, á sanidade, á educación. Creo que a xente razonará e darase conta de que o tratamento dunha situación por parte da dereita sería moito máis duro para a xente con menos recursos.

O caso Gürtel, como no seu día outros que salpicaron o PSOE, están a desprestixiar a política. Como se debe actuar nestes casos?
Creo que os partidos teñen que actuar de xeito contrario ao que fai o PP co caso Gürtel. O primeiro, hai que recoñecer o problema, e que é grave. En segundo lugar, non tratar de buscar responsabilidades cara a abaixo, senón asumilas onde corresponde. Neste caso o principal implicado é Rajoy. Está imputado o seu tesoureiro, el e Rajoy son os responsables.

Comentarios