Ramón Veiga: ''O cambio nos costumes chegou a Galicia nos 80''

A forma e a relevancia social dos casamentos ten mudado moito ao longo do último século. O punto clave estivo nas transformacións sociais vividas en España nos anos 60 do pasado século, que racharon cos convencionalismos e costumes polos que se rexían a gran maioría das parellas á hora de contraer matrimonio e iniciar unha vida en común. Así o estima o profesor de Historia da USC en Lugo Xosé Ramón Veiga, que observa que ese punto de inflexión non se deu en Galicia ata os 80.

PREGUNTA: ¿Por que esa diferencia de dúas décadas?
RESPOSTA: A sociedade galega estivo moi marcada, ata hai relativamente pouco tempo, polo rural. Iso afecta a tódolos ámbitos, non só ao económico senón tamén ás prácticas sociais e comunitarias, o que necesariamente inclúe os casamentos. O matrimonio fora ata entón unha institución totalmente controlada e dirixida pola Igrexa, polo que é moi difícil pensar, fóra das sete grandes cidades galegas, nunha voda que non fose relixiosa.

P: E seguindo as pautas tradicionais...
R: Por suposto. Aquí, ata hai 30 anos, non se podía pensar en non seguir a orde e as formas establecidas: noviazgo de certa duración, presentación e visto bo dos pais, voda, convivencia e fillos. Na actualidade, esa orde xa non se respecta en moitos casos, ou directamente xa non é necesario o matrimonio para iniciar unha convivencia e ter descendencia. Nas cidades esa situación deuse antes por todo o que conlevou o proceso de industrialización, de independización económica das mulleres, que ao ter autonomía visualizan dun xeito diferente o noviazgo e o matrimonio.

P: ¿Que outros condicionantes, ademais dos económicos, puideron influír na variación do concepto de matrimonio?
R: Tamén tivo moita influencia a mellora da formación e a educación, incluíndo a influencia dos medios de comunicación, que ampliaron moito os coñecementos dos máis novos. A iso tamén colaborou, de certo xeito, o asociacionismo, sobre todo nas pequenas vilas e pobos. As asociacións veciñais achegaron información a través de charlas, por exemplo, sobre divulgación sexual.

P: ¿Como ve o momento actual?
R: As vodas relixiosas descenderon moitísimo, e máis agora en tempos de crise e recorte de gastos. Penso, ademais, que boa parte da xente que aínda se segue casando pola igrexa o fai por respecto aos costumes dos pais ou por mera convención social.

Comentarios