A primavera de Lugo

Nos anos da fame desapareceu unha vaca na parroquia chantadina de A Grade. O seu propietario saiu a buscala polo monte e, de volta a casa, preguntáronlle se a atopara ó que el respondeu: “bueno, non se perdeu todo. Polo menos atopei un corno”.

Semella que ese atávico conformismo e esa aceptación resignada das desgracias están empezando a quedar atrás na nosa provincia. Repasemos, senon, as múltiples movilizacións de distintos colectivos que están a caracterizar esta primavera. Tampouco é que esteamos ante unha reedición da Praga do 68 pero si que vemos que algo se move.

Primeiro foron os gandeiros, asfixiados polo incremento dos custes de producción e pola inxustificada baixada dos prezos en orixe do leite e da carne. Algún empresario puido tomar boa nota de que non se resignaban.

Logo foron os transportistas —que seguen a ver como o gasóleo se dispara ata o infinito— os que cortaron estradas e interrumpiron suministros. Nixeria e Guinea Ecuatorial xurden como potencias petrolíferas e en Brasil descobriron hai un mes o maior xacemento de crú do mundo e, sen embargo, os combustibles seguen polas nubes. Calquera se rebela ante unha situación tal.

Tamén por causa dos hidrocarburos se botaron e se van seguir botando á rúa os pescadores da Mariña. Mala noticia para os que venden marisco nos meses que se aveciñan. E mala noticia para todos xa que a pesca é básica na economía galega.

As protestas da Policía Local de Lugo veñen de lonxe pero tamén adquiriron novo pulo durante a primavera. Agora adícanse a rebentar actos, se ben o certo é que non contan nin de lonxe co respaldo social que poden ter outros colectivos dos que están “en loita”. Será por algo.

As limpadoras que traballan para o Concello e a Deputación convertéronse en ensuxadoras e complementan as súas queixas co depósito de lixo nas rúas. Pode que teñan razón pero non deben esquecer quen as contrata.

E, finalmente, os pais de alumnos de pequenos concellos ós que ameazan con quitarlles o primeiro ciclo da ESO néganse a ter os seus fillos todo o día metidos nun autobús. Non se pode predicar a necesidade de fixar poboación no rural e, ó mesmo tempo, suprimir servizos básicos.

Por desgracia, moitas destas protestas veñen motivadas por cuestións que escapan á capacidade dos políticos e, noutros casos, quen recibe as queixas non é o responsable das situacións creadas. Pero é bó que en Lugo empecemos a espabilar e a reclamar. A ver se así deixamos de dar imaxe de resignados e caladiños.

Comentarios