jueves. 20.01.2022 |
El tiempo
jueves. 20.01.2022
El tiempo

Piliña dos Ollos Grandes Pelúdez das Arieiras! Aprobado!

A Vanesa xuntounos nun aparte na escalinata do Bispado, despois de mercar doces e trebellos nos postos da Feira Medieval.

-Logo de repasar o escrotineo, e previa consulta non vencellante ao Tribunal Constitucional, podo prometer e prometo que hoxe coñeceredes o nome da nena, prá que acto seguido, sexa erguido a definitivo e imposto nun bateo que terá lugar nas vindeiras festas patronais.

... colle a gaita -Festa! Festa! - berra o Pelúdez facendo o Pocholo Martínez-Bordiú.

-Non vai sen hora! - exclama a Filomena.

-Estremelico coa emoción! - aporta a Reborita das Arieiras.

-Non se pode dicir que a Vanesa non seguise un procedemento democrático axustado a dereito - engade o Peludeciño.

-Non, señor. Non se pode. E coma non se pode, que fale a nai da creatura.

Vanesa toma de novo o uso da palabra e di:

-Vou comezar cos descartes.

-Deixa a Descartes en paz, que isto non ten moita filosofía - trabuca o sogro.

-Refírome aos nomes que non van ser.

-Ah, ah! Pois adiante cos farois!

-De primeiras teño que agradecer a todos cantos participaron o meu máis sinceiro agradecemento... valla a redundancia.

-Redunda, redunda, que ata a hora de xantar non temos présa.

-Daquela, vou ler as nominacións que non obtiveron a maioría suficiente e que quedaron desbotadas no primeiro corte. E son: Shakira da Consolación, Froilana ou Filigrana de Todolosantos, Filigrana Froilana, Irma Tando, Carmiña Burana, Cucufata, Chiruca, Pelusiña, Baia, Cilla, Remediños, Milagriños e Berenguela.

A lista provoca un estrondo de comentarios:

-Póslle Cucufata e saes da casa de contado.

-Pois Pelusiña sóame familiar.

-Froilana ten o seu aquil.

-Silenzo! Prosigo. Vén logo un fato de nomes que acadaron máis votos e que son estes: Maruxaina, que era un dos meus favoritos por canto o acto transmisorio do xenoma esprematicio tivo lugar na noite desa festa mariñá; Filomena Balloncé, que lle acadaba ben por razóns nas que non fai falta estender; Peludeciña, que xa o vai levar, quérase ou non; e Sue Ellen, que algúns propuxeron prá chamala Sueliña.

-E logo de ver os descartados - di Filomena -, cal é o cartado?

-Tendo en conta os pros en contra, e os contras en pro, xaquelogo hoxe é Domingo das Mozas, 12 de outubro, último día das festas do San Freilán 2014, e unha xornada na que o Clube Deportivo Lugo enfróntase ao Real Zaragoza, onde xogou tantos anos o lugués Severino Reija, veño de decidir que a nena reciba os nomes de Piliña dos Ollos Grandes, que ao mesmo tempo homenaxea á patroa de Lugo e a unhas boas personas que morreron este ano.

-Piliña dos Ollos Grandes Pelúdez das Arieiras! Aprobado! Atinaches de pleno!

Toda a familia celebra a decisión con mostras de ledicia.

-Isto hai que mollalo - propón Pelúdez -, e non con auga. Esta noite estades todos convidados pola miña conta a cienfalópodo.

-Viva o avó!

Pola tarde volveu a auga, pero eles tiñan entradas pró Lugo-Zaragoza, un partido que non querían perder nin que caera o Ebro sobre o Miño.

No primeiro gol do penalti de Borja Gómez sobor do Borja Bastón, Pelúdez desgañítase:

-Iso non é falta! É patinaxe acuático! Xa llo dirá o Antonio do Centro ao Borja Gómez cando o vexa na Praza Maior!

Aplaudimos os tres goles do Lugo - os dos maños, menos - e saímos facendo alpinismo nas costas do parque prá chegar a tempo do concerto de Susana Seivane, pola que senten máis que devoción desde que estreou a primeira gaita do pai.

Cando pensamos que o Pelúdez subiría ao escenario prá argallar unha das súas, o caso foi que estivo moi tranquilo, movendo os pés sen máis.

-Non che apetecía montar hoxe o espectáculo coa Seivane? - pregúntalle a muller ao final.

El non abre a boca, pero tampouco se move do sitio ata que minutos máis tarde aparece a Susana moi sorrinte.

-Que? Imos ao cienfalópodo?

O Pelúdez quedara con ela para cear xuntos nos garigolos, o que fixemos con ben de risadas e viño a esgalla, tanto que nos postres o home colle a gaita e ataca a muiñeira de Chantada.

-Viva o CD Lugo! Viva a Piliña! Viva o San Freilán e ata o ano que vén!

Piliña dos Ollos Grandes Pelúdez das Arieiras! Aprobado!
Comentarios