LOGO dunhas xornadas nas que Pelúdez non andivo moi Católico Ronaldo, se cadra polo do pulpo raquídeo, hoxe atopamos ao festeiro en pleno uso das súas facultades de troula e máis de esmorga. Segundo dixo, motivos non faltan.
—A maiores de que hoxe é o Día dos Maiores, e a maiores de que os da ACRUGA vannos convidar a un degustamento de carne galega, esta noite imos ver a un vello amigo, aínda que o de vello só vai por min: ¡El Kiki!
—É verdade ben verdadeira —confirma a Filomena—. Hai anos tiñamos coincidido moitismo nos platós de Telelugo, cando El Kiki era aínda un Mini-Kiki, cáseque como Íñigo. O pícaro refregaba a guitarra que daba xenio velo, e logo o Pelúdez quería que eu lle fixera o mesmo no lombo.
—Cala muller. ¿Que lle intresará ao lector o noso comportamento marítimo? Por certo —corta o home ollando pra min—, ¿que puñan as camisetas que repartiu El Pogreso e que tanta xente levaba?
—Hainas de dúas clases. Se vostede é de Lugo...
—Home, a dúbida ofende...
—Bo, pois iso; se é de Lugo pode levar unha que di: ‘I’m from Lugo & I don’t deny it’.
—¿Que che pasou na boca?
—Nada, estou falando en inglés.
—Pois fala en galego, recorcio, que nos meus tempos só tiñamos unha lingua vehicolar.
—A frase quere dicir: "Son de Lugo, e non o nego". Pero se non naceu aquí, tamén pode levar outra que di: ‘Shame not being from Lugo & I don’t deny it’. Ou sexa...
—Para o carro, ceringallo; que vou precisar subtítulos pra falar coa prensa.
—A fin de semana que ven pode facerse cunha camiseta no stand do Progreso da rúa da Raíña, grazas tamén ao Concello, á Deputación, a Nupel e á Caixa Rural Galega.
—¡Mira pró xornalista como se aproveita da miña sección pra facerse publicidade!
—É que vostede ten un share de audiencia que nin os de Laurita Valenzuela cando só había unha canle.
—¡Ahí o tes, Filo! ¿Son ou non son mediáteco?
—Sí —contestoulle a muller—, mediáteco pasmón e mediáteco paspán ao 50 por cento.
Nese falar tan propio da familia deron as horas de levar o neno á carpa do San Froilanciño onde facían unha demostración de ciencia divertida e aló que fumos todos co pensamento posto na proba de carne que habería despois.
Na carpa pediron un voluntario pra demostrar in situ a falta de gravidade e o Pelúdez dixo:
—Ese son eu. A proba vivinte da falta de gravidade, porque estou forte e rufo como as mazás.
—Refírese a outra gravidade —aclaroulle a Vanesa—. Deixe que vaia o seu neto, que isto é cousa de cativos.
E así foi. O Jarrison avanza uns metros, méteno nunha especie de campá de cristal e aos poucos segundos comeza a flotar nela como fan os astronautas no espacio. Ao velo, o avó aterrece e sae correndo ata onde está o presentador:
—¡Sacade de contado ao pícaro, que se o ve o Iker Ximénez vai querelo de peixeira no plató!
Os homes da Ciencia Divertida acougaron a Pelúdez e o neto puido saír polo seu pé do estaribel.
—¿Mancaches? ¿Perdiches nalgún intre o libre albedrío? ¿Vías un túnel moi longo cunha luz ao fondo?
—Nada diso pasou. Somentes que voaba como cando soño que o fago.
—¡Ai miña madriña querida! —gurrumia a avoa— ¡Se non crin que emparentabábamos co vampirismo!
Saímos da carpa baixo a mirada dos outros asistentes e encamiñamos os nosos pasos cara á praza de Santa María onde os criadores de ACRUGA xa estaban repartindo os seus produtos.
—Eu podería degustar carne galega ata que non quedase. Non aborrezo dela por moito que me poñan.
E así, ben mantidos e a bo prezo, escoitamos a El Kiki como puidemos.