Pedáneos

Hai dous meses, un informe do secretario municipal do concello de Lugo daba ó traste coa pretensión do BNG de que os pedáneos fosen elixidos democraticamente mediante votacións en urna por parte dos cidadáns. Así, as zonas rurais seguen contando cos chamados “alcaldes de barrio” dende que se produciron os primeiros nomeamentos aló polo ano 2001.

A Lei de Administración Local de Galicia de 1997 establece que as pedanías son órganos administrativos de entidades locais menores e estas son aqueles núcleos de poboación separados da capitalidade do municipio e que xestionan os seus intereses de forma descentralizada. Para determinar se unha parroquia é un ente local con autoxestión, debe pronunciarse o Parlamento de Galicia (algo que todas está sen desenrolar). Baseándose principalmente nestes preceptos da Lei, o secretario argumentaba, con toda a razón, que, polo momento, non pode haber tal elección democrática e en urna de pedáneos.
 Isto non é nada novo. Dende que eu teño uso de razón, os partidos de esquerdas levan no seu programa para os comicios municipais a elección democrática de pedáneos. É como un mantra. “Por fin, despois de anos e anos de caciquismo, imos elixir os pedáneos”.

Témolo oído en tódalas convocatorias e dende Antas de Ulla ata o Valadouro. Pero, pasan os anos, e nada de nada. Ben porque a lei non está clara, ben porque os políticos prefiren non arriscarse a perder esas eleccións, o caso é que os pedáneos seguen a ser unhas figuras “estrañas” na democracia en tanto en canto a súa elección é, como pouco, dubidosa. 

Non imos contar aquí o famoso chiste do concelleiro de Cuenca, pero o certo é que a influencia dos pedáneos adoita ser similar á do protagonista do chiste: nula. E non debera ser así. Nunha provincia coa poboación tan dispersa –vexan por exemplo as distancias que hai que percorrer para chegar dunhas parroquias dos Ancares ás outras- é preciso que o cidadán teña unha figura pública á que facer chegar as súas solicitudes, queixas e mesmo suxestións.

Pero, sendo realistas, todo indica que os pedáneos van desaparecer, igual que tantas outras cousas que caracterizaron durante décadas ó noso medio rural e que agora vemos esmorecer. Un pedáneo non é rendible electoralmente para ningún partido xa que tódalas forzas políticas teñen o seu grupiño de fieis en cada parroquia. Por outra banda, calquera xestión que o pedáneo faga a favor dos veciños vai ser sempre amortizada dende o plano político polo alcalde ou o concelleiro de turno.

Comentarios