Pase a la elite del voleibol

iniciouse no voleibol aos tres anos e Mario Dovale Fidalgo está agora a piques de cumprir o soño de xogar coa selección española. Como o seu irmán Javier formouse nas filas do Emevé lucense e a súa aspiración no eido deportivo é parecerse a Rafa Pascual. «Foi o mellor xogador da historia, pero iso é algo moi difícil», comenta.

O ano pasado Mario comezou a xogar na selección galega e desde hai uns días achégase un pouco máis á súa aspiración. Logo de ver a súa actuación nun campionato co combinado autonómico comunicáronlle que o ían «convocar coa selección española para as concentracións e se coincide que hai campionatos» podería ter a oportunidade de xogar, explica.

Cursa segundo de Eso no Lucus Augusti e ri ao falar de se prefire os estudos ou o voleibol, aínda que a súa afección polo deporte -con arredor de seis horas semanais de adestramento máis os partidos-, non lle impide sacar boas notas.

A súa técnica, a forza á hora de rematar e as súas boas recepcións fan del o xogador ideal.

Contribúe a que o Emevé hoxe sexa o mellor equipo galego infantil e só agarda que a súa aportación á selección española sexa no futuro igual de positiva ou máis.

«O voleibol é un deporte moi sano e completo», indica á vez que anima á xente a coñecelo mellor. «É moi divertido», engade.

A súa boa relación coa rede no campo de xogo esténdese ás redes virtuais, ferramentas onde documentarse nos temas da clase e ver videos de xogadas do seu deporte favorito, aconsellado polo adestrador Diego Taboada.

Outra das súas paixóns é a lectura e como os da súa idade ten novos hábitos pois o móbil é xa un soporte cotián. «Boto moito tempo lendo», di, «principalmente biografías».

Este ano é o undécimo da súa carreira deportiva, e nel desenvolverá un soño que comeza a ser realidade.

Comentarios