CANDO CRÍA que hoxe sería unha xornada máis calmada ca pasada, Pelúdez sacoume do meu erro.
-Oiches, xuntaletras; hoxe me erguín cun foguete no cu e non penso perder ripio.
-Pois nada, por onde quere que comecemos?
-E por onde vai ser? Polo prencipio!
O prencipio era a actuación da Troupe Sky, os rapaces do Circo dos Muchachos que fan funambulismos subidos a un arame. O home mira prá eles, da voltas a esquerda e a dereita, raña o queixo... ata que a Filomena investiga o que lle sucede.
-Que fas? Tes medo de que che caiga un rapazolo enriba?
-Isto ten que ter truco. Ándolle a ver onde levan o pegamín nos pes e non o dou atopado.
-E tanto! - intervén a Vanesa - Como que non o usan!
-Non pode ser - di el cos ollos ben abertos - Na escola ensinaban que «todo corpo suspendido no aire exprimenta unha atración cara o chan co dobre de forza do perineo da masa desprazada». O que é a lei da gravidade, ou da levedade, segundo sexa o lategazo que che leves!
- Vostede a que escola foi? A unha de samba brasileira? - espétalle a nora.
-Fun á escola do chirí popó! Vouvos amosar ata onde estou asistido pola razón.
Pelúdez diríxese á escaleira dos funambulistas, mentres a Filomena bérralle sen mover un pe prá impedilo:
-Pola razón non o sei, pero polo SERGAS vas estar asistido de contado!
A xente que o ve e o identifica, comeza a animalo:
-Pelúdez, Pelúdez!
Os da Troupe dubidan que facer, pero cando xa está na plataforma, o portador cólleo nos ombreiros e cruza todo o arame con el da cabalo, mentres o público esmendréllase ás gargalladas.
- Proba superada! - di o festeiro desde o alto - O perineo da masa é o dobre porque vou eu enriba!
Fuximos ás carreiras porque un garda quería levalo canda el á comisaría, pero como veu a chuvia nosa de cada día dánosla hoxe, entre unha cousa e a outra, desaparecimos polas rúas adiante.
Polo serán foi cousa de seguir por pernas, aínda que desta volta, prá chegar a tempo ao IX Sanfroidance, á Maxia Verde do Mago Teto, e ás Brujitas de Enigma.
Xa contra as sete había unha cita obrigada no Mercado Municipal.
- Ides ver que maneiras de preparar o cienfalópolo coñecen o Héctor e mais o Álvaro nun chou ben cuco que fan aquí.
O home falaba ao seu xeito do Showcooking, ofrecido polos dous cociñeiros, antes do I concurso de pulpeiros, polbeiros...
-...ou cienfalopodeiros, que é o seu nome dentrífico.
Por sorte, Pelúdez non se meteu a cociñar, pero a tentación de participar no concurso era demasiado forte para rexeitala. Fala cos organizadores e despois de moito pelexar acaban por darlle un mandil e unhas tesoiras.
-E fóra de concurso - anuncia o presentador -, tamén contamos coa participación do gran Pelúdez!
-Fóra de nada! Eu, coma todos, que teño anos de festeiro de abondo coma prá non sufrir ningunha descriminación negativa!
Póñense a curtar, Pelúdez da catro talladas e di:
-Xastá!
-Como que xa está, se case non empezaches? - razoa un dos membros do xurado.
-Vou ser sinceiro. A min gústame ben gordiño, non coma neses restoráns que poñen uns cachos transparentes, finos coma leitugas, aos que chaman cartapacio.
-É carpaccio, pero dá o mesmo.
Naturalmente queda de último, pero iso non é impedimento para que logo fose dicindo a todo quisque que era un dos mellores curtadores de cienfalópodo de Lugo. E dalgún xeito, non faltaba a verdade.
Os Reviravolta viñeron antes do concerto de fados, onde chorou a esgalla; e os monólogos, antes que os de Duendeneta na praza da Soidade.
-Decátome dunha cousa - comenta cando case non quedaba xente polas rúas.
-Vostede dirá.
-Estou por asegurar que son un dos homes máis guapos do mundo.
-Tamén guapo! E por que?
-Hai dúas horas que non pasa muller que non mire prá min.
-Serás pasmón! - sóltalle a Filo - Non ves que hai dúas horas que non das pechado a bragueta. Como non che van mirar?
CORA