Ana Bravo Del Moral: ''Los veterinarios evitan un montón de muertes con el control alimentario''

Ana Bravo del Moral (Foto. Xesús Ponte)
photo_camera Ana Bravo del Moral (Foto. Xesús Ponte)

2011 é o Ano Internacional Veterinario porque se cumpren 200 anos da creación da primeira escola veterinaria, en Lyon. A profesión foi gañando protagonismo, pero non así visibilidade, aínda que o seu traballo redunda na saúde de todos, asegura Ana Bravo.


A facultade de Veterinaria de Lugo vén de rematar unha campaña, coordinada coa Unión Europea, para dar a coñecer o amplo papel dos veterinarios, que se pon de relevo na actual crise alimentaria causada polo consumo de hortalizas en Alemaña.

Se se plantean facer unha campaña deste tipo será porque perceben que a xente non coñece a importancia do papel dos veterinarios na súa saúde...

Efectivamente, pero non soamente en España. Faise a nivel europeo porque hai unha certa inquedanza porque a sociedade non coñece o labor que fan os veterinarios. Somente se valoran como clínicos, de mascotas ou de animais de consumo, o resto parece que non necesitan veterinarios na súa vida porque non saben o labor que fan noutros eidos, como pode ser evitar transmisión de enfermidades entre animais e humanos, o benestar animal, a protección da fauna salvaxe e a seguridade alimentaria.

Este último punto vén moi a colación neste momento polo caso dos pepinos contaminados con Esterichia Coli en Alemaña, que xa causaron varias mortes nese país...

Efectivamente, os pepinos non teñen habitualmente infección por E. coli agás que se contaminen con restos fecais de animais. Pero está claro que hai contaminación con residuos fecais destes alimentos vexetais e polo tanto entrarían dentro do labor de control moi estricto que se fai en España.

Como son eses controis?

Cando nacen novos animais teñen que ser identificados cun microchip, cun bolo no rumen ou unha chapa nas orellas. Contrólase a alimentación; fanse programas de análise de residuos de sustancias prohibidas; de erradicación de enfermidades, mediante vacinación ou sacrificios preventivos; contrólase o transporte dos animais, para o que se necesita unha guía veterinaria; e investígase o benestar animal. E unha vez que o animal é sacrificado, o veterinario inspecciona as canais, rexeitanse todas as que conleven un risco sanitario e esas, despois de esterilizalas, destínanse a alimentar animais salvaxes en parques, elaborar alimentos para animais que si está permitido, etcétera. Tamén se controlan as medidas hixiénicas de almacenamento e transformación. Aquí é onde posiblemente estea o problema dos pepinos contaminados. A manipulación e procesado dos alimentos ten que levar unhas medidas hixiénicas axeitadas porque se non todo o anterior non vale para nada. O veterinario tamén controla a existencia de sustancias prohibidas e a idoneidade do etiquetado e detecta fraudes. Hai veterinarios na inspección de lonxas e portos. A través do porto de Vigo ingresan moitas toneladas de alimentos conxelados. Hai que comprobar que o que vén é o que se di e facer analíticas porque é o porto de entrada a Europa. E despois investíganse todos os brotes.

Como é o do caso alemán...

Estase descubrindo que o serotipo que contaminou eses pepinos non está detectado en España, nin en humanos nin en animais, e se non está aquí malamente eses restos fecais van poder contaminar os nosos pepinos. O segundo dato que apoia esa tese é que pepinos de distintas orixes, como Holanda, onde tampouco estaba o serotipo, aparecen con el. Parece que hai indicios de que se contaminaron por caer ao solo na manipulación antes da venda. Aí é onde hai que pelear, pero se non tes un sistema moi controlado que che permita respostar ás autoridades europeas que o que están dicindo non é certo, o perxuízo pode ser moi grande. Se iso se demostra haberá que pedir danos e perxuízos á Unión Europea. E iso grazas a que temos un sistema moi forte.

Este sistema é diferente en cada un dos países europeos?

Si, os veterinarios teñen máis ou menor amplitude. En España é onde teñen máis amplitude por seren un país mediterráneo, onde son moi frecuentes as zoonoses -enfermidades que se transmiten entre animais e humanos- porque o clima favorece que proliferen estes organismos.

Hai moita xente que se queixa dese control veterinario...

Non queda outro remedio. Hai que ter un certo control para evitar que nos fagan pagar por cousas que non son nosas. E saber de onde vén o problema. Se, por exemplo, vén dun queixo que non ten etiqueta é moito máis difícil rastrealo. É un sistema moi garantista e os consumidores españois son dos máis afortunados a nivel europeo por iso. A sociedade ten que saber que se evitan moitas enfermidades grazas a ese labor veterinario. Parece que soamente outras ciencias da saúde inflúen na saúde das persoas, como médicos, farmacéuticos e enfermeiros e téndese a non valorar o traballo importantísimo que fan os veterinarios, que evitan un montón de mortes grazas a ese traballo de garantía. E todos comemos animais, produtos de orixe animal ou vexetais nos que pode haber contaminación cruzada na manipulación con restos animais.

¿É rigoroso o sistema de Alemaña?

Non é moi rigoroso, porque teñen poucas enfermidades, zoonoses, e eles síntense moi seguros. Pero iso é unha trampa porque podes ter un problema na manipulación, o control telo que ter sempre. O Reino Unido tivo un sistema de control moi deficiente, que agora está mellorando pero aínda así está a anos luz do noso. É unha sorte que sexa unha illa, porque do contrario sería un foco de transmisión de moitas enfermidades. Un país cun menor control sempre é un risco.

Comentarios