Ollo

Cando nas eleccións presidenciais de 2002 en Francia o ultradereitista Jean Marie Le Pen acadou o segundo posto a escasa distancia do conservador Jacques Chirac e por diante do socialista Lionel Jospin, toda Europa sentiu un calafrío e axiña houbo chamamentos de todo o arco político dando a voz de alarma sobre o perigo que a irrupción do extremismo podería supor. Finalmente, Chirac impúxose na segunda volta dos comicios con máis do oitenta por cento dos sufraxios, pero ese case vinte por cento que obtivo Le Pen e o seu Fronte Nacional seguiu provocando medo en tódolos cidadáns de ben.

O mesmo sucedeu en Austria con Jörg Haider e os seus movementos Unión polo Futuro e, anteriormente, Alianza pola Liberdade. 

Igualmente en Italia a Alianza Nacional de Gianfranco Fini, en Holanda os seguidores de Pym Fortune ou en Bélxica o Vlaams Block, acadaron resultados electorais sorprendentes dende un  discurso xenófobo, ultradereitista e antisemita. E todo elo nunha Europa que aínda hai pouco máis de sesenta anos que viviu a peor guerra da que hai constancia por causa das ideas de todos estes anxiños.

Por desgraza, en Lugo non estamos libres desta lacra. A crise financeira á que nos levaron os banqueiros americanos ávidos de cartos fáciles desembocou nunha taxa de paro coa que, como sempre, teremos que lidiar os traballadores para poder saír do túnel. Cunha crecente presenza de inmigrantes nas rúas da cidade das murallas pero tamén nas vilas medianas e pequenas da provincia, é fácil que xurda un discurso de extrema dereita que acabe por seducir a persoas que cren –con inxenuidade- que só o radicalismo político poder poñer coto ós desmáns neoliberais.

Unha das señas deses movementos é o ultranacionalismo. A nai patria, o idioma único e a bandeira por riba de toda consideración e anteposta a calquera outra preocupación de carácter social, económico ou familiar.

Outra característica do extremismo é a falta de propostas concretas ante problemas reais. O seu discurso baséase na denuncia sistemática dos males que, segundo eles, castigan á sociedade e na continua desacreditación dos partidos e dos dirixentes políticos tradicionais. Non ofrecen nada. Tan só hastío e cabreo e, claro, a súa cara bonita como solución a tódalas dificultades e a súa suposta independencia respecto dos aparatos dos partidos de toda a vida.

Se se fixan, case tódalas verbas dos seus nomes son similares, grandilocuentes e carentes de contido: Alianza, Unidade, Liberdade… Unión, Progreso y Democracia.

Comentarios