Obélix no país de Breogán

NINGUÉN RECORDA COMO EMPEZOU a cousa. Que concello foi o primeiro. Que alcalde estendeu o mantel na mesa na que collía o pobo enteiro. Quizais o noso, 'E... para comer, Lugo'.

Non hai lugar en Galicia sen festa gastronómica. Nin recuncho no almanaque sen homenaxe ó bandullo. A imaxinación viaxa insaciable polo tubo dixestivo. Festa do Pemento que pica ou non. Empanada de xoubas, grelos, pasas ou o que lle boten. Caldos de ósos ou de mencía. Cocido que manda moito carallo o rico que está o cocido galego. Marisco de terra dentro ou do mar de fóra. Viños e augardentes mil, que beber, hai que beber. Mexillóns que vai ti a saber o que se lles perdeu en Rábade, en Becerreá. Filloas con sangue ou sen sangue pero que non falte mel. Sen esquecer o bendito porco, a quen esperan xornadas de gloria no Entroido. E como deixar de lado o pulpo, que agora din polbo (na Galicia trilingüe, octopus), esquecendo o consello de Ánxel Fole: 'A fala é o que se fala!'. O pantagruélico cefalópodo ten un inesgotable poder de convocatoria.

Festas e máis festas, gastronómicas que é palabra culta, vanse espallando pola rosa dos ventos. Romarías e larpeiradas disfrázanse de homenaxe ós maiores.

Baixo a saborosa manta da empanada de liscos tapamos pensións cativas dos vellos que acaban nos petos dos netos. Ou a desfeita demográfica dun país que empeza a non parecerse a si mesmo expulsando ós mellores, os titulados, para crear riqueza fóra. Agochamos a obesidade que ameaza a unha porcentaxe salientable da poboación. Doutores en toda clase de viandas, estamos a licenciarnos en triglicéridos, hipertensión e colesterol, bo e malo.

Esquecimos os afluentes do Miño e non somos quen de colocar cumios na xeografía veciña pero recordamos todas as etapas que percorren o país das paparotas. Os xornais reflicten cada fin de semana a esmorga das lambonadas. Semella, aínda que non sexa certo, que o epicentro do país de Breogán é o estómago. Asociacións de Vodas de Ouro. Exalumnos de Artillería. Amos de Casa Reunidos. Furbolistas Indíxenas. Curas que non poden Xubilarse. Directivos en Paro e Directivas Currantes. Festas de Solteiría e Xubilosos Divorciados xúntanse cada fin de semana. Comen e beben. Moito. E posan colorados, sorrintes, magnificando batalliñas no calidoscopio etílico.

Así anda o país. Dividido entre don Quixotes e Sanchos Panzas. Dubidando entre cerebro e aparato dixestivo. Entre a intelixencia de Astérix e o bandullo de Obélix. Postos a escoller témolo claro: a amizade dos amigos galos na aldea que resiste o imperio das multinacionais.

Don Quixote Panza está a durmir a enchente ó pé dun carballo. Tapa o bandullo coa manta das mans mentres un solo de trombón escapa da gorxa. Sobre os ollos pechados un libro acabado de editar: 'Obélix no país de Breogán'.

Comentarios