El Curso de Primavera pondrá su enfoque en la ciudad a lo largo de la historia

‘Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’ será o título da sétima edición do Curso de Primavera da facultade de Humanidades, e que este ano está deseñado polos profesores Carlos Baliña, da área de Historia Medieval, e Francisco Fernández, de Ciencias e Técnicas Historiográficas. O programa inclúe disertacións sobre a cidade desde múltiples ópticas, entre elas a histórica, urbanística ou social.

As sesións desenvolveranse entre a Casa do Saber e a facultade de Humanidades entre o 3 e o 6 de maio. «Unha das críticas que se fai ás veces é que a universidade non proxecta o seu saber á sociedade, e o obxectivo destas xornadas é ese precisamente, achegar o coñecemento especializado ao individuo interesado», apuntou Baliña.

Na primeira xornada, que terá lugar no salón de actos da vicerreitoría, botarase a vista atrás para recordar a orixe do Curso de Primavera, cando nas décadas de 1960 e 1970 se celebraban unhas xornadas universitarias abertas ao público xeral no instituto Lucus Augusti. Falará sobre iso Antonio Prado Gómez, coa ponencia ‘Educación e cultura na cidade: a función sociocultural do Instituto Provincial de Lugo (1842-1968)’. A seguinte conferencia será a de María de la Concepción Fernández sobre ‘Suburbanum lucense: Tirimol, Saamasas, Paradai, Milleirós, Castelo...’ Continuará a intervención de Antonio Rodríguez Colmenero sobre ‘A cidade de Lugo en época romano-xermánica’ e pechará esta primeira xornada Dolores Dopico, coa conferencia ‘De Sippar, ciudad eterna de Shamash a Roma urbs aeterna:reflexiones sobre la permanencia de la ciudad en el mundo antiguo’.

Canteira
Segundo explicou Carlos Baliña, debido ao delicado momento económico que está a atravesar a universidade, o curso farase «coa canteira, xa que a maioría dos poñentes pertencen á facultade de Humanidades», aínda que haberá conferenciantes invitados, como a arquitecta e urbanista brasileira Juliana Silva de Carbalho, que falará o mércores sobre ‘Unha mirada sobre Brasilia: patrimonio mundial’. Esa xornada incluirá tamén aportacións sobre ‘O sistema urbano de Galicia a principios do século XXI’; ‘A rexeneración da vida urbana na cidade posmoderna’ ou ‘Toledo, ciudad productora y receptora de cultura: notas sobre ‘La Fazienda de Ultramar’.

O xoves falarase dos escribanos do concello de Lugo nos séculos XVI-XVII; as élites cidadás na Galicia borbónica, as cidades na Galicia altomedieval, a arquitectura da II República e da ditadura en Lugo, ou o consumo urbano de alimentos no Renacemento.

O curso pecharase o venres pola mañá cunha intervención sobre a cidade como foco de ensino e aprendizaxe para a actividade na vida adulta nos séculos XIII e nos inicios do século XVI.

A matrícula no curso está aberta ata o día 28 de abril, de 09.00 a 14.00 horas na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Cultura. A taxa xeral é de 10 euros e a reducida, de 5 euros.
O Curso de Primavera ten o apoio económico de Lugo Cultural, o concerto formado pola USC, o Concello de Lugo, a Deputación, a Xunta de Galicia e Novacaixagalicia.

Comentarios