Nuria Mundiña: ''Si las actividades no se conocen, sólo gastamos dinero y esfuerzos''

O SEU SALTO Á POLÍTICA chega cando menos o esperaba e logo da marcha de Concepción Burgo, obrigada polo PSdeG a optar entre o Parlamento e o Concello. Nuria Mundiña (Lugo, 1974) di que se puidera elixir ela concellería, pediría cultura, "sen moitas expectativas de que ma deran". Agora chega dende o mundo da banca á concellería de cultura de Lugo, un área que se ve capacitada para dirixir e na que di que achegará os seus coñecementos no eido da xestión. Aposta por priorizar a cultura galega a través das asociacións lucenses e cre necesario reforzar a comunicación sobre os actos que se organizan para "non gastar cartos e esforzos, e logo non conseguir os obxectivos".

PREGUNTA: Contaba con ser concelleira a estas alturas de mandato?
RESPOSTA: Quizais o momento foi o que máis me sorprendeu, pero non o feito, porque debido ao acordo do meu partido de que cada persoa debe ocupar un cargo, eu era consciente de que era a seguinte na lista.

P: E además concelleira de cultura. Vese capaz de asumir este reto aínda que a su vida profesional estea centrada nas finanzas?
R: Fundamentalmente a tarefa dun político é unha labor xestora e neste eido creo que teño experiencia e moita. Ademais, a área de cultura é a que máis interese xenera na maioría da cidadanía e en min en particular. Formo parte dende hai 15 anos da agrupación fotocinematográfica Fonmiñá e sempre me interesou a actividade cultural, de feito son unha persoa que se move para acudir a actos. Ademais, acabou por animarme o equipo de funcionarios que me rodea, con moita experiencia e gañas de facer as cousas ben. Se me deran a elexir, houbera escollido esta concellería, pero sen moitas expectativas de que ma deran.

P: E como vai compatibilizar a concellería co seu labor profesional?
R: Está estudado e organizado para que este ano as miñas tardes e as miñas vacacións vaian ser donadas ao Concello e, por outra banda, teño a gran sorte de pertencer a unha empresa que ten un convenio para que os traballadores nos poidamos adicar a estas actividades nun 20% da nosa xornada e creo que vou facer un bo uso deste privilexio.

P: A súa incorporación supuxo ademais unha división das competencias da anterior concellería, separándose cultura e turismo. Vanse coordinar as actuacións?
R: O turismo é fundamental sobre todo para o sector hostaleiro e consideramos que un xeito de dinamizalo é relacionandoo directamente cos actos culturais que se celebren.

P: O máis inmediato será a organización do San Froilán. Está xa ao tanto de como serán as festas?
R: O calendario dos actos si que está organizado. Respecto á contratación, estamos vendo como funcionan os distintos grupos de cara ao verán e de acabar de perfilar os gustos dos cidadáns, porque queremos que sexa un San Froilán para todos. Logo tamén hai un traballo importante feito na distribución dos postos do feiral.

P: Na anterior etapa consolidáronse  citas como o festival de teatro clásico, o de música do corpus, o de maxia... Terán continuidade ou apostarase por outras iniciativas?
R: A axenda de Concepción Burgo é extraordinaria e hai que loitar por mantela. Por suposto que se van a manter todos estos festivais.

P: Lugo está fóra dos circuítos de grandes espectáculos e só coa intervención das institucións é posible traer de cando en vez algún. Cal cre que é a causa?
R: Pois sobre todo a falta de infraestruturas para grandes concertos. Non temos un área dabondo espaciosa e ao abeiro da chuvia. Témonos que adaptar a outro tipo de actuacións, aínda que iso non debe ser impedimento para traer xente á cidade. Si que é verdade que temos que seguir buscando novas formas de comunicación, porque moitas actividades que se levan a cabo aquí non chegan a coñecerse e así non facemos máis que gastar cartos e esforzos sen conseguir obxectivos.

P: O Xacobeo de momento non deparou grandes espectáculos. Vai pedir máis implicación da Xunta en Lugo?
R: Estase pedindo, pero non temos constancia de que haxa novedades. Coa Xunta imos facer ademais un seguemento dos compromisos adquiridos, como a construcción do auditorio ou o centro da romanización. Estaremos encima porque ás veces na administración hai certa relaxación,

P: Vai ter a cultura galega un papel prioritario ou non haberá directrices neste sentido?
R: Cando falamos de apoiar ás asociacións lucenses, o que buscamos é promover a cultura galega, porque de feito están centradas fundamentalmente nela.

P: Teríalle gustado chegar á concellería noutro momento, sen crise económica?
R: Vexo que é un momento oportuno, tanto porque as circunstancias persoais permítenmo e porque o traballo público non debe depender soamente dos cartos, pois é unha maneira de demostrar que coa colaboración de todos a cidade segue a ter vida.

P: E afectará a crise ás perspectivas electorais do seu partido o ano próximo?
R: Nas municipais nótanse as persoas e o traballo no eido local máis que o partido. Ao final vanse valorar os resultados que presentemos aos cidadáns e precisamente por iso traballamos todos os días para obter unha boa nota.

P: E como concelleira de cultura, cales son as súas afeccións neste eido?
R: Para min a fotografía é moi importante e a música é fundamental, de case todos os estilos.

P: Que grupo ou artista musical lle gustaría traer a Lugo?
R: Persoalmente, traería a Franz Ferdinand, pero agora non podo pensar nos meus gustos, senón nos de todos.

Comentarios