''No queda ningún español mayor de 65 años que no tenga pensión''

Pilar Pin (Foto: Pepe Ferrín)
photo_camera Pilar Pin (Foto: Pepe Ferrín)

Co 20-N á volta da esquina é tempo de facer balance da lexislatura. E Pilar Pin Vega (Baleira, 1956) considera estes últimos anos «os máis frutíferos» para o seu departamento, a Dirección General de Ciudadanía Española en el Exterior, onde desembarcou en xuño de 2009.

Que balance fai destes dous anos no departamento que dirixe?

Eu continuei con políticas importantes que me quedaron feitas de antes, como desenvolver o Estatuto da Cidadanía Española no Exterior, implantar a Lei de Memoria Histórica, as pensións e asistencia sanitaria para maiores de 65 anos que non a tiveran... E todo isto produciuse ademais nun momento de despregamento asociativo da cidadanía española no exterior, con moita actividade e demanda de cousas. Así que fun afortunada, porque vin o froito do traballo feito antes por xente como Agustín Torres, Consuelo Rumí, etc.

Con que fito se queda nestes dous anos?

Hai moitísimas cousas. Pero penso que coa creación da Consejería de Trabajo e Inmigración en Cuba, aprobada o pasado 19 de agosto.

Por que?

Polo simbólico. Porque o número de españois na illa aumentou un 40%. Cuba merecía algo así, con todo o que iso implica. Representa para min a demostración de que aínda en período de crise, desde o meu departamento se aposta por seguir avanzando en políticas asistenciais e de apoio aos que máis o necesitan.

Destaca a importancia para os españois no estranxeiro da Lei de Memoria Histórica. ¿Había moitos afectados ?

A Lei de Memoria Histórica fai xustiza aos que perderon a nacionalidade pola guerra e o exilio. Remataremos a aplicación da lei cuns 200.000, máis ou menos.

Que legado pensa que queda cara ao futuro?

Impulsamos acordos bilaterales en materia de Seguridade Social, acordos que están empezando a funcionar e que crean un españo de protección social que pode cubrir potencialmente 600 millóns de persoas, sendo o maior do mundo.

En que consiste?

Pois unha persoa que iniciara a súa vida laboral en México, pasara por Brasil, España, etc... pode acumular as cotizacións destes países. Algo que xa había con algúns, pero que agora se está a promover con máis. Cando non había eses acordos, freábase moito a mobilidade laboral da xente. Hai que seguir avanzando neste aspecto. España e Portugal impulsaron a medida e Brasil e Bolivia foron os primeiros en acollerse.

E saben xa como afecta a crise a emigración?

Depende. Temos varios programas de asistencia para xente en apuros, sobre todo a partir do decreto de 2008, que di que todo cidadán español maior de 65 anos que esté en necesidade poida dispoñer de pensión e asistencia sanitaria. E podemos dicir que neste momento, con claridade e números na man, non existe no mundo ningún español maior de 65 que non teña algún tipo de pensión e asistencia sanitaria. E iso continuarase. Pero por outra banda, os españois que están en países con economías emerxentes, onde a crise non afecta tanto, viven outra situación. Eses países, ao medrar, tamén aumentan as prestacións e a cobertura social para os españois que residen alí. Así que se teñen apoio do país de acollida, non precisa a axuda española. Así que son as dúas caras da crise.

Hai algunha particularidade que identifique ou diferencie a emigración galega e aos galegos no exterior?

A comunidade galega, xunto coa Canaria, é das máis organizadas. Segue a ser a de maior coherencia organizativa e maior estrutura de funcionamento, pero afronta unha etapa de transformación.

En que sentido?

Pois que durante cen anos houbo moita xente activa, pero agora poucas persoas queren coller a remuda deses centros. Compételle á Xunta facer unha aposta pola reconversión de centros galegos e asociacións. E facelo como o fixo o Goberno de España, desde un criterio de sustentabilidade.

Fala de sustentabilidade económica...

Si. Que á hora de promover proxectos e axudas, se teña en conta a súa sustentabilidade financeira. A min pedíronme abrir un centro de día en Alemaña. ¿Debo facer iso cando a rede social dese país está ao mesmo nivel ou superior a España? Non. O que debo facer é chegar a acordos con eses países para conseguir dar aos españoles do exterior o que é apropiado para eles. E a fórmula, moitas veces, é integrándoos no país, a nivel individual, colectivo, etc... Hai exemplos estupendos diso nestes últimos anos.

E a emigración lucense... ¿ten algunha particularidade?

Non dunha forma específica. O que si podo dicir é que sempre aparece xente de Lugo en todos os sitios. Para eles é unha alegría grande, sobre todo cando ven unha persoa que vai en representación de España agradéceno dunha forma especial.

E a concentración de galegos fóra, ¿segue algún patrón?

Moitos están en Europa. Pero hoxe, coa UE, as súas circunstancias son diferentes. O resto, pois en América Latina, claro. Pero galegos hai en todas partes. Sempre digo que se tiveramos que volver todos xuntos un día, non colleriamos.

Parece que o tópico do galego na lúa se cumpre...

Dou fe. É algo tremendo. Estamos en todas partes.

Apreciou un sentimento galego na segunda e na terceira xeración de emigrantes?

No exterior a identidade galega é fortísima, iso si que o apreciei, pero a española tamén. E non son excluíntes. Atopas galegos en terceira e cuarta xeración. Iso non vai na distancia nin no tempo.

Comentarios