Nauseabundos cazarrecompensas

UN CAZCARRA CON GARDAPÓ apóiase na parede de cartón pedra do pobo fantasma. Agarda o paso do tempo e, se cadra, o tipo polo que ofrecen unha presada de dólares. Cazarrecompensas no territorio do western. Aínda existen hoxe. Un ninguén acusa agora a Kapuscinski, reporteiro e Premio Príncipe de Asturias, de connivencia co réxime comunista polaco, e de espía que construíu a súa carreira á sombra dese escuro poder.

Fartos das 'parvadas' que impón a decencia, os cazarrecompensas agardan polo cheiro da prea. O autor de 'Cien años de soledad' é condenado por ser amigo de Fidel Castro. Outro gran escritor, Vargas Llosa, é acusado polo contrario, ser moi de dereitas. Un tal Tiger Woods xoga a golf como os anxos… pero ai!, non controla a entreperna.

Félix Rodríguez de la Fuente fai saltar un lobo por riba dun valado nunha secuencia tramposa: un cánido salvaxe xamais o faría, arrástrase sempre por debaixo. Pero abonda para acusar de falsario ó gran divulgador.

A morte do miliciano, do extraordinario fotógrafo Robert Capa, agora din que trucada, serve ós cazarrecompensas para ningunear unha obra que reflicte nesa décima de segundo a ferocidade da guerra cainita.

Günter Grass parece que militou de adolescente nas mocidades hitlerianas. E iso abonda para que tertulianos de berros e nadas condenen unha obra extensa e admirable.

Daquela, o estadista Manuel Fraga, cun pasado franquista, non tería mérito ningún por ter atraído ó curro demócrata a elementos asilvestrados da extrema dereita. Ten moito mérito, e contará sempre no haber do político conservador.

Clinton foi un notable presidente comparado coa irrelevancia dun tal Bush, pero sempre haberá quen pense que para a historia o que queda é a tórrida soba coa becaria.

Para os cazarrecompensas o que importa é a anécdota ruborizante e non a obra e a traxectoria vital. Semella que para estes mediocres hai que vivir, escribir, pintar, facer política ou deporte sen asomar fóra dos curraliños dos meapilas. Deus nos aparte da moralidade dos fanáticos!

Todos temos tres vidas, recorda García Márquez: a pública, a privada e a secreta, pero os do gardapó só poden medrar nas cloacas secretas que todos temos e, por respecto ós outros, agachamos.

O tal Artur Domoslawski, biógrafo cazarrecompensas de Ryszard Kapuscinski perderase na néboa do esquecemento. Permanecerán 'Imperio', 'Ébano' ou 'La guerra del fútbol'. Ou 'Los cínicos no sirven para este oficio'. Ou 'Lapidarium' e 'Cristo con un fusil al hombro'. Ou 'Encuentro con el otro' e 'Viajes con Herodoto'. Cómpre lelos.

E con calquera destes libros do gran reporteiro, pechado e rematado, airear o cheiro que botan estes nauseabundos cazarrecompensas.

Más en Lugo Ciudad
Comentarios