''En las situaciones más difíciles, son las mujeres las que mejor responden''

Foto: ELISEO TRIGO
photo_camera Foto: ELISEO TRIGO

O publicista Pepe Garalva fai un repaso pola súa intensa traxectoria, xa dende a tranquilidade da xubilación

1. ¿Que foi o que máis lle gustou e desgustou do seu traballo?

Empecei moi novo como publicista e sempre me encantou o trato directo cos comerciantes. O peor, sen dúbida, o retraso nos pagos.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Outra vez á publicidade.

3. O soño que máis se repite é...

Non teño demasiados porque xa os fun cumprindo: tiven unha vida moi especial. Agora abonda con compartir o tempo coa miña familia.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

¡A saúde que tiven ata os 80 anos!, estráñoa porque son moi activo.

5. ¿A quen admira?

A miña familia, por saber facer piña. ¡Os sábados somos uns 15 a comer!

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Pois non, porque non me arrepinto de nada en especial.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Si, fágoo sempre.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

Pouco me gusta falar de política.

9. ¿Que cita subscribiría?

Subscribiría un comportamento: ser cordial e educado.

10. ¿Que coche ten?

Agora ningún, pero estou igual ou mellor servido. Fanme de taxistas os meus fillos e os netos maiores.

11. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Precisamente, o meu último coche, un Land Rover.

12. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Non é material: a familia.

13. Unha toleada que fixera por amor.

Sempre tiven sorte, non tiven que facer toleadas.

14. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

Non, hai que saber perdoar. Un tamén, ás veces, fai cousas raras...

15. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Non, polas mulleres eu só teño respecto. Nas situacións máis difíciles, sempre son as que mellor responden.

16. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

Un que me regalou a miña neta pequena, pero aínda non o empecei. Iso si, leo moita prensa.

17. Non sae da casa sen...

Uns cartiños e o móbil.

18. ¿Que pecados capitais desculpa?

Cada un que se mida a si mesmo.

19. Algo que nunca falte na súa neveira...

Hai case de todo, porque pasa moita xente pola casa.

20. Pérdeo un bo...

Churrasco, polbo... non teño grandes pretensións.

21. As súas mellores vacacións foron...

Un cruceiro polo Mediterráneo que nos regalaron a miña muller e a min polas vodas de ouro.

22. Unha prenda que desteste.

Mellor digo o que me gusta: ir ben vestido.

23. A súa viaxe soñada sería a...

Cuba, sobre todo porque me gusta o seu xeito de vida. Parece xente tranquila.

24. A paisaxe que máis o impresionou...

Sempre algunha de Galicia, e especialmente as das praias da costa de Lugo.

25. ¿E a súa materia pendente?

Cando se teñen os 85 anos cumpridos, o certo é que xa non quedan demasiadas.

«VIN COUSIÑAS RARAS EN MISS ESPAÑA»

1. Despois de media vida vinculado aos concursos de beleza, ¿dalle mágoa que o certame de Miss España teña perdido a súa forza?

Non é que perdera forza, ¡é que está desaparecido! E foi culpa dos que asumiron a dirección a partir dun certo momento. Non tiñan nin idea.

2. ¿Vostede foi algunha vez testigo deses tan traídos e levados ‘tongos’ na elección das misses?

Por decilo así, algunha cousa rara si que vin, si.

3. Esa foi unha das súas grandes paixóns, xunto co seu traballo de publicista. O terceiro vértice do triángulo é o CD Lugo. ¿Como agarda que acabe esta tempada o equipo dos seus amores?

Mellor ca nunca. Este é un equipo totalmente diferente, todos son grandes profesionais e nos partidos en Lugo créase un ambiente fantástico. E, por favor, ten que deixarme agradecer unha vez máis á directiva que me deran a insignia de ouro do club.

4. ¿Que é do que máis goza como xubilado?

Fun moi feliz traballando, así que tampouco tiña tantas cousas pendentes.

Comentarios