Mudiños

Este ano o dia das Letras Galegas, vai estar envolto nesa bruma que se pousa nas fragas a ras de chan, cando a primavera entra tardía. E vai ser porque este novo goberno galego nace con unha eiva na lingua.

Na oposición deixouse seducir polo doce arume de erguerse en defensa de linguas aldraxadas fronte a outras... pola sensación vertixinosa de levar ata o límite un discurso excluínte... tan sen fundamento, que se foron quedando sen discurso en política lingüística.

¿E agora que? Pois agora teñen dificultades para atopar quen lle poña ese axóuxere a un gato que mais parece unha raposa silandeira.

¡Que bonito foi mentres durou a estadía na oposición! O anterior goberno non moveu unha coma das leises de Política lingüística feitas polos correlixionarios dos que hoxe chegan a Xunta, entre eles lugueses que nos honraron co seu ñabor.

Non dubido nin un intre do galeguismo deste goberno, non teño motivo, nin quero, pero se algo queda craro neste tempo de alternancia política, e que cos sinais identitarios do pobo non se xoga, ni bandeiras, nin himnos, nin linguas.

Como individuos estamos instalados na linguaxe, que nos defíne como persoas e nos ubica na nosa esencia como pobo, é o maior patrimonio colectivo, pero tanto o galego como o castelán, e non me da a gana, nin peta renunciar a ningunha das dúas liguas.

Deixarse seducir por melodías sectarias sobre o idioma, no tempo que nos toca vivir, tan reivindicativo do diverso, ven sendo unha mágoa e unha perda de tempo que somentes conduce á melancolía.

E como si alguén se empeñase en que a nova ponte de Lugo só fose para ir a Ourense, e non para voltar de Santiago ou que para dirixirse a Portugal só se pasase en dias pares. Trátase dunha ponte, e serve para comunicar territorios e redefinir as relacións das persoas.

Se veño de Portugal, quero sentilo eco da musicalidade do portugués, se me dirixo a Castela, quero levar a dozura do noso acento nas miñas expresións,  si chego de lonxe quero contar na miña fala o que vin, e non vou a agradar a que me den a vez para usar unha ou outra lingua. O noso Cunqueiro mentres reclamaba mil primaveras máis para o galego, dicía que o castelán sabíalle como pan quente.

Gustaríame que cando saían esta liñas, estea xa nomeada a persoa que se faga cargo da política lingüística. Non é unha cuestión menor, xa que nos xogamos a cohesión desta sociedade, que tendo tanta riqueza lingüística, corrémo-lo risco de quedar mudiños, sen identidade, nin futuro, atrapados na maraña do absurdo.

Comentarios