María Montes: ''El italiano es muy accesible porque es muy próximo''

Os alumnos do Cuarto Ciclo no campus de Lugo poderán cursar este ano por primeira vez italiano como lingua estranxeira. A lancaresa María Montes, profesora desta lingua na facultade de Filoloxía de Santiago, será a encargada de impartilo. Fixo a súa tese de doutoramento sobre ‘O léxico de Moravia na novela curta’ e está especializada en didáctica do italiano e lingüística contrastiva italiano-galego. Leva anos investigando e ensinando a lingua e cultura italianas, das que se confesa unha verdadeira apaixoada.

Este curso de italiano é unha novidade na programación do cuarto ciclo, non é así?

Si, é a primeira vez que se oferta. Trátase dun curso anual, que se impartirá dúas horas á semana.

Está pensado para alguén que non coñece nada desta lingua?

Pódese empezar de cero. Non fai falta ter coñecementos previos. O italiano é moi accesible porque é unha lingua románica que ten moitas semellanzas co galego e co castelán, é moi próxima.

Con cal dos dous ten máis proximidade?

Máis co galego porque son as dúas linguas moi conservadoras, máis próximas ao tronco común: o latín.

O curso inclúe tamén clases de cultura italiana?

Si, tamén se vai dar algo de cultura. É algo que atrae moito aos estudantes.

Podería incluso pensarse nunha viaxe de estudos a Italia, non?

Si, non hai que desbotalo. De feito eu xa organicei intercambios de estudantes coa Università per Stranieri di Perugia, ademais de outros tipo de colaboracións e contactos institucionais entre Italia e Galicia.

Ten unha relación moi estreita coa Universidade de Perugia...

Porque estudei alí, fixen estadías de investigación. Xunto coa de Siena, a de Perugia é a universidade máis importante de Italia para estranxeiros.

Ten moita demanda o italiano no campus de Santiago?

A verdade é que si. É unha materia con moitos alumnos de segunda lingua, algo que agora desaparece co grao. Algún ano cheguei a ter ata 250 alumnos,

Este é o único curso de italiano que hai no campus de Lugo?

De momento si, é unha experiencia que se me propuxo e que aceptei de moi boa gana porque son lucense e síntome moi unida á cidade e ao campus de Lugo. Agradezo ao coordinador do Cuarto Ciclo, Emilio Carral, que me dera esta oportunidade. Tamén comparto proxectos con Alexandre Veiga, decano de Humanidades; co profesor Jesús Varela Zapata, co que organicei un curso de primavera; e coa vicerreitora Isabel González Rey, con quen colaboro nalgún proxecto de investigación.

Con tantos vínculos con Lugo, plantéxase dar clase aquí?

A verdade é que nun futuro gustariame impartir clase de italiano en Humanidades. Estou moi contenta en Santiago, pero Lugo é a miña cidade.

Comentarios