Malos fumes que se atopan moi preto

Dolores Piñeiro, na casa. (Foto: J.Vázquez)
photo_camera Dolores Piñeiro, na casa. (Foto: J.Vázquez)

A inhalación continuada do fume da lareira dende que era moza provocoulle unha Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica. Co tempo, a activísima Dolores acabouse por converter na primeira transplantada de pulmón da provincia de Lugo.


Escoitar o relato dun día calquera de Dolores resulta esgotador. Esta muller miuda, que di facer nunha xornada «o normal», non para da mañá á noite. Aínda que estivo a punto de ter que volver hai pouco ao osíxeno, sentiuse aliviada ao saber que non o tiña que facer. Xa non se afai. Houbo un tempo no que, ata para andar pola cociña o necesitaba. E foi precisamente na cociña onde o seu problema se manifestou de xeito evidente.

Dolores ten 69 anos, naceu en Saavedra (Begonte) e, como tantísimas casas de aldea da época, tiña cociña de lareira. Non durou moito, cando aínda era unha nena de sete anos os seus pais cambiárona por unha de ferro e esqueceu os fumes ata que casou e mudou para a casa do seu home. Con 24 chegou a vivir a Viladóniga e a axudar á súa sogra nunha cociña de lareira.

Tivo varias pistas, aínda que non lles deu demasiada importancia. «Notaba que cando estaba ao lume o caldeiro dos cochos o fume atacábame moito», lembra, ao tempo que recoñece que era nese momento cando a leña do carballo que alimentaba a cociña se mesturaba cos toxos. Aínda que parecera un momento moi puntual, o certo era que de dúas a tres horas por caldeiro e varios días seguidos, a matanza aseguraba a Dolores toses e respiracións entrecortadas uns cantos días ao ano.

A solución era mínima. «Botábame fóra, tiña que abrir a porta porque me parecía que afogaba», di. E iso facía. A pesar de que esa era a súa única precaución, Dolores era consciente de que o fume lle afectaba. «Notaba que me atopaba mellor no verán», di como exemplo. O inverno, co lume sempre prendido e as fiestras e portas ben pechadas, coa preocupación de todos porque non houbera correntes, era o peor.

Con 45 anos, Dolores conta que tivo un catarro mal curado que foi o que marcou un antes e un despois na súa enfermidade. Estivo un ano sufrindo os síntomas, non daba sanado e non tardou moito en notarse peor. Para explicar como se sentía recorre a unha expresión moi gráfica que é moi común entre os enfermos pulmonares. «Sentía que me faltaba vida. O médico díxome que o que tiña era enfisema pulmonar e que, en realidade, non tiña cura», cuenta.

Empezou un tratamento con pastillas ao que se uniu pouco despois os broncodilatadores. Cando os botaba notaba unha leve mellora, pero cada vez máis pronto todo volvía ao seu estado anterior. «Non me doía porque o pulmón non doe, só era a fatiga», conta.

A cociña de lareira seguía usándose con regularidade na súa casa. De feito, non foi ata cinco anos despois do seu diagnóstico cando foi, ao fin, substituída por unha de ferro. O motivo foi a renovación da estancia porque, como recoñece Dolores, «o problema xa o tiña». «En todas as casas as houbo, usáronse sempre. Eu sabía que me atacaba o fume ás veces, pero nada máis», di.

Transplante

Dolores acudiu polo privado a dous neumólogos distintos. Cada vez se atopaba peor e buscaba algún remedio que lle mitigara a tremenda fatiga que sentía. Xa pasara por dous ingresos cando, precisamente agardando para facer unhas placas, comezou a atoparse tan mal que lle pediu ao seu fillo que a levara á residencia. Ingresou de novo e foi alí onde por primeira vez lle falaron dun transplante, unha opción da que ata ese momento ninguén lle falara.

«O doutor Pérez de Llano díxome que non tiña outra saída, que tiña os dous pulmóns moi mal. Eu non quería transplantarme... E se algo saía mal? Díxome que me deixaba un mes para pensalo», indica.

Volveu para a casa co ánimo de dicir que non, pero o seu marido e o seu fillo iniciaron unha seria campaña para convencela. «Foi por eles, que me dicían que tiña que facelo, que tiña esa opción e non outras... Cando volvín ao hospital dixen que si», indica.

Na época na que Dolores optou a un transplante non había hospitais en Galicia que o fixeran, polo que se viu obrigada a recibilo en Santander. Un mes despois de decidirse a recibir un transplante, viaxou a Valdecilla para facer as probas que deberían dicir se era candidata a recibir un pulmón.

Cando estaba alí ingresada e despois de que se decidise que sería o esquerdo o que se substituiría, xa que era o que se atopaba en peor estado, apareceu un pulmón. A pesar da ilusión inicial -que parecía converter a historia de Dolores nunha especie de conto de fadas dos aspirantes a transplante, froito dunha inusual e esperanzadora rapidez- o órgano era demasiado grande para o corpo miudo de Dolores. Esta seguía ingresada cando apareceu un segundo e, novamente, non servía para ela.

«Dixéronnos que nos marcháramos para a casa, que nos chamarían cando atoparan un», conta. No coche, co seu fillo camiño da casa, chegando xa a Asturias, recibiron unha chamada. «Tiñan un pulmón, tíñamos que dar a volta inmediatamente», conta Dolores.

Ingresou de novo chorando como unha Magdalena. «Non sei que era, se os nervios a emoción, non podía parar de chorar», lembra dos momentos previos á intervención. Tras seis horas no quirófano, Dolores converteuse na primeira transplantada de pulmón da provincia de Lugo.

UCI

Lembra moi mal os seus primeiros días, que pasou cunha forte febre coa que lle parecía ver pola fiestra camións con vacas. Estivo na Uci 28 días, nos que vía a cara do seu fillo por unha fiestra pequena da porta. «Eu facíalle así coa man [imitando o xeito de pegar] porque me fixera operar», conta rindo.

O de Dolores foi un transplante deses que animan aos futuros transplantados e que deixan aos médicos que se dedican a eles con bo sabor de boca. O temido rexeitamento non fixo acto de presenza e, a excepción desas primeiras xornadas febrís, a recuperación desta muller foi de manual. «Tiven moita sorte porque foi totalmente compatible. A miña irmá preguntou se podíamos falar coa familia do donante e dixéronnos que non se podía. O único que soubemos é que era dun rapaz novo que morrera nun accidente», di Dolores.

Pasou 15 días en pranta, nos que xa percorría os corredores sentando a cada pouco. Camiñar sen esa fatiga que sentía con anterioridade foi «un alivio» e «unha alegría», recoñece. Volveu a Lugo como nova e cada revisión confirmou o seu bo estado.

Na actualidade segue acudindo unha vez ao ano a Santander a facerse unha revisión e, cada seis meses, ao hospital de Lugo para ser examinada. Salvo cambios na medicación e a posibilidade de necesitar osíxeno, o pulmón segue funcionando como unha máquina ben engrasada. «Sego tomando broncodilatadores. É que, claro, hai que pensar que teño un pulmón mal. En realidade, respiro con un só», di.

Probablemente porque é sinxelo afacerse a estar ben de saúde, de igual xeito que é complicado acostumarse á situación oposta, a Dolores cústalle enumerar en que cambiou a súa vida. O seu fillo Manolo e o seu home José bótanlle unha man e enseguida cae.

«Antes non podía camiñar cinco metros sen cansarme, tiña que sentar», comenta esta muller que, tódalas tardes, vai camiñar máis ou menos unha hora, dependendo do día.

Adoita ir acompañada, ou ben dunha veciña que, por saúde, tamén ten que camiñar a modo, ou doutro veciño de máis idade que tamén comparte a necesidade de non apurarse. É a súa única regra, hai que ir despacio. «Se non prefiro ir soa porque sufren eles e sufro eu», conta. Ao camiñar é o único momento no que se lle aparece o recordo do que era aquela «falta de vida» que presidiu moitos dos seus anos. «Parece que me molesta así cando me dá o aire de frente, especialmente no inverno, cando é frío», conta.

O día a día

De calquera xeito, coñecer con detalle a axenda de Dolores colócaa non xa na situación dunha persoa activa para ter pasado por un transplante de pulmón, senón nunha persoa verdadeiramente activa, con independencia da súa saúde pasada. Érguese todos os días ás oito e media, tamén nas fins de semana. «Que vou facer na cama?», pregunta.

Limpar os cochos, dar de comer ás ovellas e ás pitas, mirar os coellos, lavar a roupa, tendela e facer a comida, son actividades case diarias de Dolores que as enumera de corrido. Pola noite gústalle ver un chisquiño a televisión, pero ás dez xa está na cama para descansar. «Fago o normal, o de calquera muller na súa casa», explica.

Está contenta porque hai dous mércores foi a revisión e o doutor atopouna moi ben e desistiu de volver a darlle osíxeno. Coñeceu o hospital e os seus longos corredores, dos que tanto se fala. «Eu percorro ese corredor tranquilamente. Con tempo, eso si. Si que son longos, si. Eu fun á consulta e logo, como o meu fillo tiña que facer uns recados díxenlle que me quedaba nunha sala de espera e que agardaba por el alí. Cando acabou veume buscar», explica.

Na súa nova situación non volveu notar problema algún ao cociñar por pesado ou lento de facer que fora o plato.

A nova cociña axuda, evidentemente, pero tamén a nova disposición coa que se pode enfrentar ás tarefas diarias. «Nen sequera ao cocer pan noto nada. Aínda hemos de cocer mañá, se Deus quere. A min o pan das panaderías...», explica.

Pese ao tempo transcurrido, Dolores segue a ter moi presente que é unha persoa afortunada. «Non tiven rexeitamento, foi cen por cen compatible. Iso é o peor dos transplantes, que pode haber rexeitamento e non sabes cando pode ser», di. Conta o caso da muller de Lugo que lle seguiu na recepción dun pulmón. «Tamén a operaron en Santander. Morreu ao cabo de dous anos», lamenta.

FUME DE BIOMASA
Moitos afectados na provincia

O caso de Dolores non resulta excepcional nunha provincia como a de Lugo. Son numerosos os afectados por Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica por respirar fume de biomasa, con casos que adoitan producirse nos propietarios de lareiras ou das chamadas cociñas económicas.

Máis de 50 anos

A gran maioría de enfermos por este motivo teñen máis de 50 anos, pois a patoloxía desenvólvese tras unha prolongada exposición a este fume. En moitos casos, no momento en que descubren que teñen a enfermidade nin sequera están xa en contacto coa lareira. Pode aparecer aínda que pasaran anos dende a última vez que tiveran esa cociña na casa, motivo polo que non adoitan relacionar esa exposición coa enfermidade.

De feito, o fume da lareira pode funcionar nese sentido coma o do tabaco, xa que se ven os efectos negativos aínda que pasaran anos dende a última exposición.

A substitución paulatina dese tipo de cociñas fará con seguridade que, no futuro, se rexistre unha rápida disminución deste tipo de patoloxías pulmonares asociadas a esa causa en concreto.

Infradiagnose

A EPOC está considerada como unha enfermidade infradiagnosticada, con moita variabilidade en función do país no que se resida e, en moitos casos, directamente relacionada co tabaco. Nembartantes, segundo un estudo dunha universidade estadounidense, un 15% dos que a padecen non son fumadores nin o foron no pasado.

Precisamente a exposición ao aire de pobre calidade no interior de casas pouco ventiladas, co uso de combustibles sólidos para cociñar ou para calefacción, está intimamente relacionado con moitos deses casos.

A EPOC ten unha prevalencia mundial de entre o 5 e o 10% e detéctase unha maior incidencia entre os homes, relacionada co maior índice de fumadores entre a poboación masculina. Nembargantes, espérase que as porcentaxes por sexo tendan a igualarse ao aumentar o tabaquismo entre as mulleres.

Preto do 90% dos enfermos de EPOC son ou foron fumadores, aínda que a porcentaxe de fumadores que desenvolven esta enfermidade sitúase entre o 10 e o 25%. A tose crónica, a expectoración e a dificultade para respirar son algúns dos síntomas da EPOC. Os tratamentos con corticoides e broncodilatadores son habituais nestes casos.

 

Comentarios