Máis hortas que portas

Hai 40 anos ou, quizais, menos Lugo estaba rodeado de hortas. Tanto dentro como fóra de murallas. Había hortas e había cortellos con porcos, galiñas e coellos. Era un Lugo rural, o Lugo que recrea Xosé Manuel González, un profesor do IES Xoán Montes, que, tras comprometerse nun blog a escribir algo todos os días sobre a súa cidade, acabou publicando un libro, ‘Entre hortas e portas’ (Tris Tram), onde dá a súa visión persoal dunha cidade que o viu nacer, medrar e madurar baixo a mirada dun neno do barrio de San Roque.

«Nós viviamos a cen metros da muralla e tiñamos horta. Tamén tiñamos un curral a cen metros da casa. No barrio de San Roque e noutros barrios tamén, había moita xente procedente do medio rural que viña á cidade a traballar pero que tiña un cachiño de horta e un cortello onde criar uns bichos», explica o profesor.

Algo que, por outra banda, tamén ocurría noutras cidades galegas como Santiago pero cunha diferenza: Lugo está encorsetada pola muralla e iso prolongou a súa ruralización durante máis anos.

«Hai vinte anos, aínda se botaban patacas nun leiro que había a carón do carril das Estantigas, detrás do IES Xoán Montes. Había moitos espazos rurais sen urbanizar dentro da muralla e iso fixo que as hortas durasen moito máis tempo que noutras cidades galegas», explica Xosé Manuel González.

O autor do libro lembra un barrio de San Roque «moi vivo, cun gran movemento social, no que había moitos nenos e onde se organizaba a festa de agosto».

Xosé Manuel González fala no seu libro dese Lugo de barrios, que está, como el di no título, entre as hortas e as portas (da muralla). Neste paseo guiado pola súa memoria, cada porta do monumento romano vén a ser un pretexto para contar unha historia ou unha simple evocación persoal. O paseo polas portas finaliza no adarve, «a porta do ceo», di o autor do libro referíndose «a ese ceo, tan grande e tan impoñente, que se ve desde o adarve».

Esa porta do ceo dá paso á segunda parte de ‘Entre hortas e portas’, titulada ‘Escenas e episodios’, onde aparecen diferentes personaxes cos que o autor se cruzou no camiño na súa experiencia vital en Lugo. Xitanos, maragatos, xente que viña de Castela ou de Portugal ou personaxes míticos como o libreiro Fusalba, que estaba na rúa da Raíña. «Tamén falo do nabo de Lugo, algo tan específico de aquí», engade o autor.

Xosé Manuel González fixo este libro case de casualidade, despois de participar nun blog, ‘As uvas na solaina’, onde publicou, todos os sábados durante trinta semanas, lembranzas que tiña de Lugo e que se estenden desde os anos 60 ata os 80. Nestes anos, Xosé Manuel González afirma que asistiu «a moito destrozo do Lugo patrimonial». E pon como exemplo «o Lugo que había debaixo do xardín de San Roque, onde había unha rea de casas desde a porta de San Pedro ata a rúa das Hortas que tiraron con elas».

A experiencia no blog deu pé, finalmente, ao libro, que reproduce as entradas do blog que Xosé Manuel González escribiu desde o 16 de xuño de 2007 ata o 1 de febreiro de 2008, a excepción do mes de agosto.

ÍNDICE

  • 300 persoeiros. O libro ‘Entre hortas e portas’ inclúe, ao final, un índice de nomes de persoeiros que, dunha maneira ou doutra, foron transcendentes na vida do autor. Neste mesma relación, tamén se inclúen grupos.
  • 33 lugares e establecementos, que tamén deixaron pegada na memoria de Xosé Manuel González, aparecen noutro índice incluído ao final do libro. Nesta relación, lémbranse sitios como o restaurante A Coruñesa, Abella, o Ángel Carro, a cuchillería Aquilino, a fonda Balbino Seoane, o bar Barreiros, o bazar Radio Meilán, o Cantombar, a carnicería de cabalo que había no Campo Castelo, o casino de Lugo, o colexio Divina Pastora, o barrio Domingo Tallo, o edificio de Sarry, o bar Espuela, a fonte dos Paxariños, o garaxe dos Jatos, as rúas General Franco e General Mola, o Hogar del Productor, o establecemento de loterías da rúa San Pedro, a cafetería Monterrey, O Estudiado e a taberna do Neno, entre outros.

Comentarios