Lugo e Xerusalén

O pasado día sete do presente mes celebrouse o Día da Cultura Xudea en Europa. Na cidade de Lugo coido que ninguén se enterou, se ben é certo que na urbe non hai indicios da presenza histórica do pobo hebreo e, de habelos, non se fai nada por dalos a coñecer. Tamén é lóxico pensar que o total entreguismo dos responsables municipais hacia China impide que a capital da provincia poida ter calquera outro tipo de relacións internacionais e moito menos cun país pequeno como é Israel. Qué lle imos facer.

Caso distinto foi en de Monforte de Lemos, onde houbo unha visita guíada polo antigo barrio xudeu da cidade do Cabe e con presenza de membros da comunidade israelí en España. Non é que os medios de comunicación lle deran demasiada cobertura a ese acto pero optarei por pensar que se debeu a que o grande centro hebreo de Galicia está en Ribadavia. Agardemos que para 2009, se a actualidade o permite, se teña máis en conta este tema; “o vindeiro ano, en Xerusalén” como rezaron os xudeus durante dezanove séculos.

Personaxes como Baruch de Spinoza, Benxamín de Tudela, Sigmund Freud ou Franz Kafka —todos eles de orixe hebreo— e moitos centenares máis fixeron importantísimas aportacións á cultura e ó pensamento europeo. Conviría, xa que logo, que dende o concello e mesmo dende a Deputación se estudase en profundidade a pegada que os xudeus deixaron en Lugo e o seu entorno. Por suposto que o legado romano é máis importante pero, igual que en calquera lugar do mundo é fácil atopar un lucense, o mesmo pasa cos israelitas polo que, a pouco que se investigue, han aparecer vestixios do chamado pobo elexido.

Fago esta insuficiente loubanza dos xudeus porque, dende hai moito tempo, detecto nas conversacións dos bares de Lugo (onde, para min, se reflexa de forma importante a opinión pública) un indisimulado desprecio hacia os hebreos, cando non un claro antisemitismo. Expresións como “Hitler deixou o traballo a medias” ou unha lectura simplista do conflicto israelo-palestino entendéndoo como unha loita dos bos contra os malos (cos xudeus de malos, claro) son habituais en moitas tertulias de barra de bar.

Por suposto que os xudeus cometeron, cometen e cometerán erros colectivos como pobo pero, botando a vista atrás, coido que polo moito que teñen aportado a esa Europa que tentamos construir deberamos ser respetuosos con eles e recoñecelos como unha parte máis da nosa historia. Eso si, co permiso dos curas que, ata non hai moito, nos facían rezar os venres polos “pérfidos xudeus”.

Comentarios