Lourenzo Fernández Prieto: ''Hai que incorporar títulos nos que Lugo sexa referente no Norte peninsular''

Catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) ten o apoio de Universidade Aberta, a plataforma coa que formou parte do goberno entre 2006 e 2009, exercendo de vicerreitor de Relacións Internacionais, ata que dimitiu. Vese nas súas respostas que Lourenzo Fernández Prieto só quere falar de futuro. Aboga por crear novos títulos sen rivalidade en Galicia.

PREGUNTA: Cales son os seus motivos para presentarse?
RESPOSTA: Presento a miña candidatura ao reitorado porque creo na USC. Teño un modelo e unha idea de universidade e unha meta: facer con todos e todas a mellor universidade do mundo, no convencemento de que sabemos como facelo e podemos facelo. Temos orgullo por ser da USC e buscamos a complicidade da xente que está farta de que se lles diga o que vai mal sen que ninguén dea solución.

P: Como valora o traballo do anterior goberno?
R: Estamos no tempo de construír o futuro. Queremos representar unha visión de como debe ser a universidade pública galega do século XXI, dos principios que deben rexela. Son os principios que definen o noso programa: unidade, universidade pública, calidade, e compromiso co país e coa xente da universidade.

P: Como cre que se poden sanear as contas da USC?
R: Temos que fixarnos un dobre obxectivo: acadar novas vías de ingreso e a eficiencia no investimento e no gasto. Sobre o primeiro eixo, teño asumido o compromiso de chegar, no primeiro ano de mandato, a un acordo de financiamento estable coa Xunta que debe garantir a sustentabilidade e financiar o ben feito en docencia, investigación e internacionalización. No mesmo camiño, temos que aproveitar o ser unha universidade moi investigadora e moi internacional. Marcámonos como obxectivo duplicar os recursos captados no ámbito estatal e europeo, e buscar socios na sociedade civil.

P: Haberá que cambiar o mapa de titulacións nos próximos anos?
R: Hai que mellorar e ampliar a oferta de titulacións dende unha visión estratéxica. A apertura do chamado mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia debe aproveitarse para lograr o impulso do campus de Lugo como o campus completo que define a Losuga. Débense centrar os esforzos en conformar unha oferta que non multiplique a xa existente no SUG, senón que incorpore títulos nos que o campus de Lugo sexa referente no Noroeste peninsular.

P: Que fará cos proxectos Campus Vida e Lugo 2015?
R: O Campus de Excelencia Internacional somos todos. O Campus Vida é un proxecto, unha etiqueta, que desenvolve o Campus de Excelencia Internacional. Esta vía ten que traer recursos clave, o que permitirá liberar recursos ordinarios e beneficiar a toda a universidade. Esa é a nosa proposta: estender os beneficios do Campus Vida ao conxunto da USC. En canto a Lugo 2015, é unha proposta do equipo anterior. Nós defendemos unha planificación realista do investimento en infraestruturas, fundamentada nunha análise rigorosa das necesidades e dos recursos e na participación de toda a comunidade universitaria.

P: Cre que o campus de Lugo está en igualdade de condicións cos dous de Santiago e por que?
R: A Universidade de Santiago é unha, a que integramos todos e todas nós, e todos os campus son iguais.

P: Cales son as súas propostas para este campus?
R: O reitor terá presenza permanente na cidade, con despacho fixo na sede da Reitoría da USC en Lugo, desde o que atenderei canto menos unha vez por semana. O mesmo farán os vicerreitores e vicerreitoras. Hai que completar e desenvolver o campus de Lugo, mellorando a oferta de servizos (gardería, instalacións deportivas, de investigación, etc.) e desenvolvendo unha estratexia de futuro.

P: Como se soluciona o conflito de Medicina?
R: Desde a unidade. Xa o demostramos co pacto por Medicina que eu propuxen aos reitorables. As novas necesidades que require a docencia clínica teñen que atenderse pola vía do reforzo das unidades clínicas docentes nos hospitais públicos con condicións para acollelas.

P: Con que criterios vai estruturar a investigación?
R: Promoveremos dende o consenso, nos primeiros seis meses de mandato, a construción dun Plan estratéxico de investigación no horizonte da próxima década, con medidas como a mellora da captación de recursos, a planificación do desenvolvemento das infraestruturas con criterios rigorosos de sustentabilidade, a redución da burocracia inútil, captación dos mellores talentos para a USC, a posta en marcha de centros singulares de investigación no ámbito das Ciencias Sociais e as Humanidades, e o potenciamento de apostas estratéxicas para o país, no ámbito agropecuario e forestal do campus de Lugo.

P: Que papel van ter as empresas na universidade?
R: Temos que ser quen de buscar socios na sociedade civil que sexan cómplices da capacidade investigadora da USC.

Comentarios