martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Laio das fontes

Cando neno, chegada esta altura do ano xa debía ir eu á dos Paxariños. Media hora ou así antes do xantar, a nai chamaba para coller o porrón, marchar e volver con el cheo da auga fresca só posible con tal uso: mediando os anos sesenta do século XX, por moito que algúns igual teñan perdida a memoria e para a mocidade resulte inimaxinable, pouca vivenda luguesa dispoñía dun frigorífico. E era bo aquel manancial que xurdía preto do espazo chamado arestora, precisamente, Ronda das Fontiñas.

A urbanización, e factores de acomodo, publicidade ou trafego, fóronnos conducindo cara o produto envasado de Mondariz, Verín, Céltigos e terra máis afastada; co tempo, un número de rexistro e simple nome de supermercado mesmo negaban información sobre a orixe da auga que moitos compraban, indiferentes ao cambio ou por non haber outra. Así e todo, bastantes lugueses continuaron indo á fonte: aínda poden moito entre nós o apego rural e o costume da infancia; case tanto, ao mellor, coma esa frescura incomparable do recollido na natureza para consumir inmediatamente. Xa non se ven porróns de cerámica, excepto en andeis e como ornamento de gusto artesanal, antigo; a procura realízase en botella e botellón do utilitario, omnipresente, neutro plástico.

E acabaríase? O concelleiro local de Medio Ambiente acaba de anunciar, en forma terminante e disuasoria, que non garante a potabilidade estrita para ningunha fonte no concello de Lugo. Quen queira beber delas, di, mellor que primeiro ferva a auga. E cavilo eu en que atractivo poderá manter o así esterilizado; que diferencial de interese lle fará a un sacar o automóbil, achegarse -por exemplo- á Fervedoira, gardar a cola ao sol, non probar do líquido que gurgulla, encher con el os recipientes para despois botar na pota, prender o lume, comunicar a calor que matará frescura, franqueza e alegría. Onde quedará, perdido, o reconfortante sabor da gratuidade?

Sempre queda o recurso de saír máis lonxe, procurando mananciais de momento non vedados; acollerse ao recurso, xa practicado arestora, de ir buscar auga da aldea na visita dominical. Pero eu revivo, con disgusto renovado, o proceso paulatino que me quitou o baño nas familiares augas do Miño; que me expulsou do Prado de Carlos para as Insuas, de alí a Outeiro de Rei e a ningún lado. A presión ambiental chegou severamente á auga de beber. Ben mala nova para empezar o verán.

Laio das fontes
Comentarios