Catedrático de Enxeñaría Química, Juan Casares Long (A Coruña, 1950) concorre por segunda vez, despois de catro anos como voz alternativa ao goberno da USC, di, xa que a anterior quedou ás portas. Daquela gañou entre o alumnado, pero non entre o profesorado. Casares licenciouse en Santiago pero doutorouse en Química na Autónoma de Barcelona e en Enxeñaría Química en Salford. Foi profesor en varias universidades e desempeñou diversos cargos de xestión. Foi técnico superior na Empresa Nacional de Electricidade e dirixiu o Centro de Supercomputación de Galicia, entre outras ocupacións.
PREGUNTA: Cales son os motivos para presentarse?
RESPOSTA: A ilusión de traballar para facer dunha universidade boa, unha universidade mellor, ademais da experiencia académica, de xestión e tamén no mundo industrial, e o coñecemento da situación e os problemas da universidade.
P: Como valora o traballo do anterior goberno?
R: Durante catro anos fun a voz alternativa permanente do consello de dirección nos órganos de goberno da nosa universidade, e dende o luns da pasada semana só miro para diante, polo que non me parece oportuno valorar o traballo do actual goberno.
P: Como cre que se poden sanear as contas da USC?
R: Cun control rigoroso de ingresos e gastos, entre outras medidas.
P: Haberá que cambiar o mapa de titulacións nos próximos anos?
R: Probablemente a partir do ano 2012 haberá que tratalo.
P: Que fará cos proxectos Campus Vida e Lugo 2015?
R: O feito ou comprometido, poñelo en marcha para sacar o máximo rendemento. O demais analizarase con moito coidado.
P: Cre que o campus de Lugo está en igualdade de condicións cos dous de Santiago e por que?
R: Non, entre outras cousas, os servizos ofertados non son comparables.
P: Cales son as súas propostas para este campus?
R: O noso proxecto, universitario e independente, é tanto para o campus de Lugo como para o campus de Compostela. Por sinalar de xeito concreto, queremos impulsar o equilibrio entre os dous.
P: Como se soluciona o conflito de Medicina?
R: Propoñendo unha relación de colaboración entre a nosa universidade, o resto do sistema universitario galego e a administración autonómica.
P: Con que criterios vai estruturar a investigación?
R: A transparencia, o diálogo, a participación e o compromiso.
P: Que papel van ter as empresas na universidade?
R: O que corresponde a un dos axentes externos á USC. Deben buscar a colaboración coa universidade para garantir as súas posibilidades de actualización e mellora.