«Neste país ninguén quere ser funcionario, o soldo é baixo»

José Ángel, na beira do río Odra, onde adoita pasear cos cans.
photo_camera José Ángel, na beira do río Odra, onde adoita pasear cos cans.

josé ángel sanz fixo o bacharelato no instituto Lucus Augusti e despois cursou o ciclo superior de Educación Infantil no Instituto Politécnico. Anos despois adícase ao ensino, pero non de nenos pequenos senón de polacos que queren aprender español. Dá a coñecer o idioma de Cervantes en Wroclaw -a cuarta cidade máis poboada do país, situada na rexión suroeste- a onde chegou da man da súa muller no ano 2008.

Atopar traballo non lle foi difícil, segundo conta. Nada máis empezar a buscar atopou unha escola interesada en contratalo para dar clases de castelán. «Os polacos son amantes das linguas estranxeiras en xeral», conta José Ángel, un rasgo que ao mellor se debe a que «creen que o polaco non lles serve máis aló das súas fronteiras». Ademais deste interese xeral, o español «é un idioma moi de moda neste país», o que foi unha oportunidade para este lucense.

A medida que foi pasando o tempo, as súas condicións laborais foron mellorando e agora ten un horario máis estable e máis horas de traballo que ao comezo. «A verdade é que se pode vivir disto neste país, é un traballo ben pagado en comparación cos salarios medios de aquí», explica. Segundo di, os soldos son baixos, especialmente «para xente con carreira e para os funcionarios. Ese conto de que todo o mundo quere ser funcionario en Polonia vira por completo, aquí ninguén quere ser funcionario. A excepción dos militares, que ata o de agora podían retirarse despois de traballar 15 anos cunha pensión de 3.000 eslotis, que xa lles gustaría a moitos dos que traballan 25 ou 30 como funcionarios noutros ámbitos, que cobran 2.000 eslotis».

Wroclaw é unha cidade centroeuropea «moderna e actual na que non falta de nada», describe. Pola súa situación xeográfica, ten un clima tipicamente continental no que as estacións están moi marcadas: «Frío no inverno, choiva e boas temperaturas en primavera, calor abafante no verán e un outono de tons amarelos e roxizos, típicos dos contos», describe.

Na cidade o urbanismo está moi expandido; «Poderíase dicir que é como Valencia, pero para o mesmo número de habitantes ten unha superficie de máis de dúas veces a cidade española; é unha cidade moi estendida e ten moitos ocos baleiros, solares, parques que non son parques senón monte no medio da cidade e moitos edificios que non están en funcionamento».

A José Ángel custoulle máis afacerse á lingua, que ten fama de ser unha das máis difíciles do mundo, que á cidade. Empezou a ir a clase dende o primeiro día e non tirou a a toalla, pero «non é fácil e non será fácil», recoñece. Asegura que se esforza sobre todo por poder falar cos seus sogros e o resto da familia da súa muller e porque «o inglés pode axudar se ves de vacacións pero para vivir hai que saber polaco, polo menos nun nivel que che axude a defenderte nas cousas de todo os días». El deféndese, pero confesa que dende o comenzo se decatou que para el o polaco sería «un idioma de entender; pero non para falalo». De feito, entende moito, pero non todo, e fálao, «pero nin moito menos correctamente», aclara.

José Ángel cre que incluso para os turistas merece a pena saber catro palabras básicas, «sempre te tratarán mellor», asegura. De todo os xeitos, afirma que os polacos son «xente moi afable e hospitalaria aínda que non fales nada a súa lingua». De feito, considera que «tratan mellor aos estranxeiros que a eles mesmos; son xente moi interesada polas cousas de fóra, o que repercute en que pensan que o seu sempre é peor que o dos demais; son un pobo que se lamenta e se queixa da súa sorte sempre, con poucas excepcións; e isto dino os propios polacos». José Ángel pensa, ademais, que son «xente moi ambiciosa e moi, moi preparada».

Wroclaw é coñecida como a Venecia do leste «aínda que non está no leste, senón en centroeuropa», matiza. O nome venlle do grande número de canais que rodean a cidade, que propicia que haxa moitas pontes. Os canais son bifurcacións do río Odra, unha paraxe onde José Ángel e a súa muller adoitan pasear a miúdo, aínda que algo menos no inverno. Porén «o resto do ano é un sitio con moita vida: a xente pasea, pesca, fai parrilladas, e arredor deste paseo podes dar a volta a case toda a cidade», recomenda.

Cultura de barra
En Wroclaw, saír de troula é parecido a facelo en Lugo, coa salvedade de que «cando entras nun bar é moi probable que pases a noite enteira nese mesmo bar», conta José Ángel. Normalmente fanse reservas e a xente séntase a falar arredor da mesa. «Non hai cultura de barra, pouca xente está de pé ao lado dela», indica. As bebidas preferidas dos polacos son a cervexa e o vodka e as noites duran ata o mencer «sempre e cando teñas forzas; hai bares abertos ata a mañá», apunta.

José Ángel ten lido que Wroclaw é a terceira cidade europea con peor tráfico e non lle estraña. «É unha tolemia ir en coche, sobre todo ás horas punta, pero hai un problema, nunca sabes cando é a hora punta. No coche nunca sabes canto vas tardar dun sitio a outro», conta. A situación é semellante no autobús e mellora algo co tranvía, pero as queixas de retrasos nos medios de transporte son constantes. «Esperar 20 minutos non semella cousa moi alarmante, o problema é cando tes que esperar a dez graos baixo cero».

Pisos pequenos
Os pisos son «caros e pequenos». O estándar son dous cuartos, unha cociña e un baño. Arredor duns 60 metros que poden custar sobre 12 millóns de pesetas, aínda que todo depende, claro, da zona e a idade do piso».

Sanidade precaria
Conta José Ángel que a sanidade polaca «cubre todo pero non cubre nada; todo o mundo que ten un contrato ten dereito a ela, pero cando estás enfermo vas a un centro privado aínda que teñas que pagar. A xente non quere esperar longas colas e, ademais, o servizo privado ás veces axiliza a entrada no servizo público».

En canto á educación superior, conta que hai máis oportunidades que en España para estudar unha carreira.

contacta:

¿Coñeces algún lugués que resida fóra de España? Escribe a [email protected]

Comentarios