Isabel González: ''Habrá que repasar la lista de títulos y ver su matrícula''

A ISABEL GONZÁLEZ REY, Bolonia non a colle desprevenida. Como vicedecana de Humanidades, estivo moi implicada no deseño do título que estreará a facultade para adaptarse aos novos tempos, un grao que ve "con moita ilusión". Nos próximos catro anos seguirá de preto este e todos os do campus. Esta profesora titular de Filoloxía Francesa e Italiana será nos próximos catro anos a responsable no equipo de Juan Casares Long das titulacións no campus de Lugo.

PREGUNTA: O campus de Lugo vai ter algunha características particular na implantación de Bolonia?
RESPOSTA: As expectativas son altas. Este primeiro ano imos ver como se implantan os novos graos e como funcionan os que xa están. No caso dos posgraos xa é outra cousa, haberá que facer unha revisión dos que están aprobados, porque algúns teñen moi pouca matrícula; e atender aos que se van aprobar.

P: Pode haber desaparicións?
R: Que desaparezan ou ben se estimulen doutro xeito, porque o indicador é a matrícula. Ao mellor trátase de reorientalos ou potencialos doutra maneira para que respondan á realidade. Tamén hai que revisar a dimensión da oferta, porque é moi ampla e non é realista cos tempos que estamos a vivir. Hai que facer un estudo pausado e serio para logo tomar decisións que non sexan erradas. Non se pode dicir que se vaia facer unha redución nin como, pero a curto prazo si haberá que repasar a lista de títulos, ver o número de matriculados e analizar a situación.

P: Fálase de evitar os títulos que compiten con Santiago...
R: O campus de Lugo ten particularidades. Se o título é duplicado, pero a matrícula responde ben, como no caso de Administración e Dirección de Empresas, hai que velo como complementariedade. Outros presentan unha aparente duplicidade, como sucede en Humanidades, que  temos unha aula B de Lingua e Literatura Española, e sempre vai completar o número de matriculados na aula A, que está en Santiago.

P: Non está suxeita a esixencias de número?
R: Si, tamén ten que responder e imos ver cos datos na man se se mantén ou non.

P: A implantación de Bolonia ou a rediseño de graos, implicará un cambio na plantilla docente?
R: Se houbera cambios nos graos, sempre haberá que razoar cos centros en base aos recursos. Se se diseña outro grao será sempre coa plantilla que hai. E se se cambia, non deixaríamos un centro sen a posibilidade de outra titulación.

P: Hai algún título que, se os tempos foran outros, sería idóneo para completar o campus?
R: Sempre faltan cousas para potenciar o campus. Eu son de Letras, e para min habería que potenciar máis graos de Letras porque paréceme que hai poucos, pero isto é polo que me toca.

Comentarios