Iris

Está cambiada, na póstuma foto con medalla. Debo fitar con insistencia para encontrar no sorriso aquela ollada volta en parte cara a si, ou quen sabe a que sitio de que mundo. O nome quedou apegado a un mandilón que penso verde, diadema sobre caracois, “que grande é esta nena”. Un membro máis no coro de pequenos cantores, discretamente alegre na cóxega e o xogo, antítese quizá da algazara que arrodea. A cativa da Nieves.

Con fillos no colexio, hai un mundo en miniatura que se garda na lembranza. Os anos pasan, imperceptiblemente a mirada solícita vai mudando ángulo de abaixo arriba e os propios, non sendo xa o que eran, sempre son os mesmos; quizá tamén aqueles que mantemos preto. A pequerrecha que entoaba maio e panxoliña memoriza papeis de Shakespeare ou practica artes marciais. Pero quen marchou non medra, e pode que algún día, inverosimilmente, alguén de mandilón verde e diadema apareza cun título de voleibol. Os rapaces dos outros, en foto ou en presenza, fálannos de tempo decorrido; e o futuro, sendo noso, cada vez se volve máis deles.

Suponse que todo acaba, a ras de terra, cando un fillo enterra os pais. Por iso, e por aquilo, tan absurda aparenta a inversión dos protagonistas. Unha dor probablemente inconcibible. Historia diariamente lida ou escoitada, de libro e telexornal, talvez na rúa de enfronte ou aldea familiar. E hoxe non. Non hai literatura, escaso lugar para filosofía. Onte abracei a súa nai.

O que hai é, porén, un aire novo que sempre recomenda vida e esperanza; retornamos á foto e a memoria. Esa nena caladiña fabricou unha medalla de dous días que conta a súa historia: anos de sangue, ilusión, esforzo solidario. Noutros fogares e escenarios luciu o soño dunha noite de San Xoán, bico dos pés onda un lago con cisnes, fedellar con martelo ou transistores, a procura dun cinto nun tatami. Diploma quizá, ou película, non valen o que foi empeño emocionado, por moito que agora sirvan de apoiatura cordial. É imposible que un mozo pare quieto. Unha de tantas ensinanzas que é dado conservar por eles.

Sempre se aprende dos erros, aínda que tal ciencia nunca sirva para evitar erros novos. Queda o que máis vale, crer, encontrar, mellorar, sentir. Literatura e filosofía, teatro e ballet, música e festa dos maios. Electrónica, fútbol, carpenta e panxoliña, ilusión, empeño emocionado. Escenario e fogar. Voleibol, Emevé. Presenza da filla que foi e a filla que queda. Vida e esperanza.
 
Descanse Iris en paz, Aida tamén. Vidas curtas, probablemente plenas.

Comentarios