Innovar con el más antiguo

Alumnos da Politécnica, durante a mesa redonda sobre o aproveitamento non madeirable do monte.
photo_camera Alumnos da Politécnica, durante a mesa redonda sobre o aproveitamento non madeirable do monte.
Dous proxectos en marcha foron onte materia de debate nas aulas da Escola Politécnica. O aproveitamento do toxo para abono ou o desenvolvemento dun concello en torno á produción agrogandeira e turística quixeron dar fe de que hai posibilidades de futuro no rural se se lle busca o xeito. 

Ramón lourido e Bernardo Varela explican as súas experiencias a cotío ante auditorios de todo tipo. Non lles custa nada dirixirse ao seu público con entusiasmo: vese que cren no que din. E nesta época profundamente pesimista, aseguran, é importante transmitir optimismo, «porque no rural hai futuro», afirman, só hai que buscar novas maneiras de aproveitamento. «Os recursos están aí e os nosos devanceiros xa os usaban. Se antes podían vivir deles 400 persoas, como pode ser que hoxe non vivan nin catro? », pregúntase Lourido, propietario de Abonos Lourido, que fixo da limpeza dos montes comunais e do toxo a base para crear unha pequena empresa de abono que subministra a adegas, viveiros de plantas e particulares.

Tanto el como Bernardo Varela, lucense que exerce dende hai once anos de concelleiro de Medio Ambiente de Allariz e coordina a Granxa Educativa Agrogandeira neste concello, encheron onte a sala de xuntas da Escola Politécnica para falar sobre ‘A posta en valor das superficies de monte: aproveitamentos non madeirables’, un encontro organizado polos departamentos de Economía Aplicada e de Historia Contemporánea dentro das xornadas ‘O mundo rural a debate’, que busca entrefiar o académico con experiencias reais.

A historia de Ramón Lourido remóntase a 1996, cando se afundiu, «por motivos persoais», unha SAT de cría de cabras que montou con outros dous socios aos vintepoucos anos. Entón decidiu usar a rede comercial que xa tiña tecida para darlle saída aos novos produtos saídos do toxo. Desenvolveu tres liñas: un adubo orgánico mesturando as plantas con esterco de ovella, cabra e conexo; un sustrato para plantas ornamentais e estrume como complemento do sustrato para xardíns.

Na historia da súa empresa ten habido tempos mellores e peores. Chegaron a ser catro traballando, pero hoxe amáñase só porque unha parte da súa clientela está moi afectada pola crise. «A xardinería é a cola da construción», aclara, e hoxe este sector non pasa polo seu mellor momento.

Pero no seu laboratorio doméstico de I+D xa pensou nunha nova liña que sacará en breve: sacos onde se pode plantar directamente para usar en terrazas ou onde se queira. Ramón Lourido conta que toda a tecnoloxía que utiliza é «feita na casa» e con elementos reciclados. «Onde non hai diñeiro hai que usar a cabeza», apunta.

Está convencido de que o toxo é unha riqueza natural pouco explotada. «Se houbera unha aposta da Administración poderiamos estar exportando toxo a todo o mundo; é algo propio, que non hai noutras rexións», apunta, e teme que se use unicamente como biomasa: «Está todo inventado, e sempre se deixaron as partes máis tenras para o gando, o resto para estrume e o que quedaba era para queimar». Botalo todo ao lume é un dispendio, asegura.

Se Lourido falou desde a perspectiva privada, o lugués Bernardo Varela contou a experiencia dun proxecto coordenado pola administración, a Reserva da Biosfera de Allariz. «Tratábase de desenvolver o medio rural desde unha perspectiva global. Inclúe montes veciñais en man común, carne ecolóxica de vaca de raza limiá, queixo de ovella, marmeladas e herbas aromáticas, e incluso produción de cervexa e micolóxica», enumera.

O programa busca darlle unha saída comercial a todas estas liñas e, ao mesmo tempo, apoiar o turismo rural, pero o obxectivo é un: «Manter o medio rural e evitar algo que está moi de moda estes días, os lumes», resume Varela, que aprecia certa desconexión co rural en moitos sectores. Na granxa da que é coordinador reciben visitas a cotío e atópanse con nenos «que estiveron máis cerca dun león ca dun cordeiro», conta.

Bernardo Varela asegura non ter a fórmula máxica para converter unha zona rural nun proxecto de prosperidade, pero recomenda «explotar os recursos de cada concello e tratar de buscar unha complementariedade con outros». Tanto el como Lourido agradeceron o interese que atoparon na Politécnica porque hai veces que «explicando o que fas sénteste coma un extraterrestre», di Ramón.

Comentarios