Il Padrino

Nunha visita a semana pasada a Barcelona, o xornalista Roberto Saviano advertía de que a mafia non é só un problema do Sur de Italia senón que xa está presente e con forza no levante español, en Alemania e nalgúns países da Europa oriental. Saviano vive practicamente na clandestinidade dende que destapou no seu libro Gomorra as claves do funcionamento do crime organizado en Italia. Como Salman Rushdie ou Mikel Lejarza, o xornalista sabe que hai individuos que non pararán ata velo morto.

Tamén advertiu de que, na actual situación de crise financeira, hai que estar vixiantes ante os movementos de capitais que entran no sistema bancario xa que poderían ter unha orixe mafiosa. 

Por fortuna, en Lugo non existe a mafia. Si que pode haber algunha sentenza xudicial ou algunha licencia de obras que nos leve a pensar en corruptelas mal disimuladas pero o crime non semella estar organizado nin os delincuentes son os verdadeiros amos da sociedade. 

Pero, ó fío das palabras de Saviano, si que me preocupa que os comportamentos mafiosos empecen a instaurarse entre nós, favorecidos e mesmo xustificados pola crise económica. 

Por moito que os curas fagan chamamentos á honestidade dende os seus púlpitos e por moito que os mestres de Educación para la Ciudadanía inculquen valores cívicos ós seus alumnos, non podemos ser tan inxenuos como para ignorar que entre nós anidan a cobiza, as malas prácticas e, por desgracia, a necesidade. En Historia da Mafia, un poder na sombra, Gisuppe Carlo Marino explica, non os métodos de actuación da mafia, senon o caldo de cultivo social que deu orixe a ese fenómeno criminal a partires do século XVIII. E, coas obvias diferencias polo paso do tempo, a situación da Sicilia daquela época na que en Europa iluminaba a Ilustración, non é tan distinta da que estamos a vivir en Galicia e, ó cabo, en Lugo que é o que nos atinxe. 

Era aquela unha sociedade chea de desigualdades, cunha economía eminentemente rural e cunha evidente escaseza de recursos financeiros derivada dos sucesivos cambios de réxime e as  conseguintes cargas fiscais de cada un. As institucións estaban desprestixiadas porque eran incapaces de solucionar os problemas dos sicilianos, xa que as decisións se tomaban en Viena, Milán ou Madrid. Nese contexto, moitos empezaron a impartir a súa propia xustiza e a vivir de negocios pouco legais e nada éticos.

En Lugo tamén hai crise e economía rural. Esperemos que pare ahí a cousa e non nos arrastre á tentación de cartos fáciles… Verase.

Comentarios