''Habrá que arreglar la guardería del campus porque está deteriorada''

Este martes foi un día doce para Juan Casares Long, sobre o que choven as noraboas despois dunha derrota xa olvidada e catro anos na oposición do goberno da USC.

Vostede falaba de ilusionar á comunidade universitaria, e vese que o logrou. ¿Que foi o que cambiou con respecto a hai catro anos?
Os tempos mudaron, pero non foi só iso. Nunha situación difícil como estamos presentamos un programa moi realista, moi acoplado ao que coñecemos da universidade. E un equipo moi completo, que engloba as cinco áreas de coñecemento, con distintas sensibilidades, con experiencia e criterio, e tamén máis mulleres que homes. Tivemos en conta moitos aspectos que a comunidade universitaria quería ver. E por iso moita xente sentiu que eramos unha alternativa real.

Durante a campaña falou de incorporar ideas doutros candidatos ¿cales serán algunhas delas?
Eu xa falei cos outros candidatos e seguiremos falando porque aquí o que se trata é de incorporar, de sumar nestes momentos de dificultades, e de facer unha proposta que sexa ben recibida pola comunidade universitaria.

¿Cales serán as prioridades?
O plano de financiamento é unha preocupación porque é o que vai dicir o que se pode facer nos próximos anos, con cantos recursos contamos. É unha prioridade que rematemos no prazo máis breve de tempo, e vendo as dificultades que hai en Galicia e España para garantir uns recursos suficientes, vai ser o máis importante. As tres universidades teremos que traballar defendendo cada unha as súas características, e acadar un acordo bo para todos.

¿Cal é o mínimo que non se podería rebasar?
Non quero dar unha cifra, porque imos ver os valores dos planos que temos preparados e iso é o que imos facer agora, cando teñamos todos os datos.

¿Vaise seguir adiante coa idea da auditoría?
Nós imos cumplir o noso compromiso. Non sei se chamarlle unha auditoría, pero sí un informe claro e conciso en linguaxe que a xente poida comprender de cal é a situación actual, os compromisos adquiridos cara o futuro e sobre todo os que están asociados a cartos que non sexan nosos, porque son os que van condicionar a nosa capacidade de maniobra. Iso será parte do traballo para negociar coa Xunta porque necesitamos ter o respaldo da comunidade universitaria, e a xente non cho da se non ten datos.

Xa tivo unha reunión con Senén Barro. ¿Que sensación transmitiu da universidade que deixa?
De moito traballo feito. El pensa que imos atopar unha universidade mellor ca que el atopou. Foi unha reunión de cortesía para plantexar que os dous equipos empecen a intercambiar información.

O campus de Lugo contará con gardería xa para o próximo curso?
Xa me gustará a min, pero hai que recabar a autorización do Concello e teremos que facer algúns arranxos porque aquelo deteriorouse co paso do tempo.

¿En que estado se atopa?
No estado dun edificio que leva anos pechado, cheo de grafiti e pintadas, e as paredes con humidade.

E no caso de que non se poida abrir, porque depende do planeamento urbanístico, farase a través dun compromiso con escolas infantís coa zona?
Si, imos acadar canto antes unha solución, aínda que o mellor era que pasara por recursos propios, pero se non pode ser así buscaremos outra maneira: O que non pode ser é que se siga falando deste tema despois de tanto tempo; se non é dunha maneira ou doutra, haberá que darlle unha solución.

Á parte desa, cales serán as outras novedades que estreará o campus o próximo curso?
Temos que renovar o convenio coa fundación Rof Codina para o mellor funcionamento do hospital, que está dando moito prestixio á USC.

¿Trátase de introducir algún cambio ou de prorrogar o que hai?
Non , é un convenio que leva xa trece anos. Traballaremos coa dirección e xerencia do hospital, pero todo nestes momentos depende do plan de financiamento. Temos que falar coa Diputación para a posta en marcha da Escola de Enxeñaría Civil, que ten que verse convertida nunha realidade; traballar na escola de Formación do Profesorado, atender ás necesidades de espazo e mesmo de traballo.

¿Por onde pasaría a solución, por ampliala ou trasladala?
Temos que traballar co que temos. Dacordo co noso programa, imos ter contactos con todos os centros para que eles asuman a corresponsabilidade de tirar da universidade e mesmo de tomar decisións acerca das súas titulacións e das necesidades.

¿Buscarase un acordo entre o Rof Codina e as clínicas veterinarias?
O hospital está a prestar un servizo moi importante á sociedade no tratamento dos animais. A diferenza da saúde humana, non hai un servizo como o Sergas, e penso que o Rof Codina fai unha labor moi importante e a sociedade necesita deses recursos. No problema puntural con algunha clínica haberá que buscar a cooperación, porque a universidade non está para facer competencia desleal e o Rof Codina non a está facendo.

Falouse de diversificar a oferta en titulacións compartidas con Santiago. ¿Será inmediato?
As cousas non se fan da noite a mañán e ademais hai que facelas ben para non ter que repetir. A facultade de Humanidades e Ciencias móvense xa nese sentido e é unha parte da solución.

Pero os títulos que van empezar este curso, ¿seguirán adiante?
Os de Ciencias non teñen dúbida, son títulos novos sen problemas con Santiago. E en Humanidades están a implantar novos títulos con moita demanda. Dous dos títulos de posgrao que mellor acollida tiveron este ano foron de Lugo: o de Prevención de Riscos e o de Servizos Culturais. Hai que buscar a complementariedade.

¿Como querería ver a universidade dentro de catro anos?
Querería que a xente dixera de nós que o traballo está feito e ben feito, sería o máximo recoñecemento. 

Comentarios