Francisco Sóñora: ''Una nueva glaciación no es el riesgo ambiental más inmediato''

Climántica é un proxecto de educación ambiental da Xunta que leva a cabo dende 2006 un grupo de expertos de diversos ámbitos profesionais, dirixidos polo profesor Francisco Sóñora, que este mércores falou en Lugo sobre o cambio climático. Unave (Unión de Asociacións Veciñais e Culturais de Lugo) iniciou as súas segundas xornadas sobre o cambio climático cunha conferencia de Sóñora, que lidera un proxecto de investigación e divulgación sobre esta materia co que pretende concienciar á sociedade.

PREGUNTA: ¿Que lle parece que aínda hoxe haxa persoas que discuten a existencia do cambio climático, cando cada vez hai máis evidencias del?
RESPOSTA: As teorías son discutidas pola comunidade científica e ata que esta se pon de acordo tardan en calar na sociedade, e máis no caso do cambio climático, que cuestiona un modelo enerxético e un estilo de vida. É normal que á sociedade lle custe asumilo, porque ademais ten un problema de escala, a xente di: eu non o vou vivir.

P: Iso é discutible. Xa hai moitas evidencias: os cambios nas estacións, nos animais...
R: Si, hai moitas evidencias, os cambios de ciclos das migracións, a aparición aquí de especies de latitudes tropicais..., pero xeralmente esas chamadas de atención prodúcense en lugares bastantes distantes dos núcleos de poboación. E hai outra barreira, ese pensamento de que, o que faga eu, a nivel global vai ter moi pouca repercusión. Polo tanto, é un reto moi grande concienciar á sociedade, aínda que as teorías científicas do cambio climático se están asumindo moito máis rápido que outras, como foi a da evolución.

P: É optimista entón sobre as posibilidades de concienciar á cidadanía.
R: Son optimista, outra cousa é que a cidadanía pase á acción e tome medidas que efectivamente axuden a cambiar o modelo enerxético.

P: ¿E iso como se consegue?
R: Poñéndolle entusiasmo na educación, non desistindo, e enviando as mensaxes axeitadas. A comunicación é moi importante neste mundo tan mediático.

P: Concienciar a rapaces que se están formando non parece difícil, ¿pero aos adultos? ¿Como se pode chegar a eles?
R: Os escolares presentan os seus traballos nun congreso ao que acuden como mínimo dúas ou tres persoas, entre familiares e amigo. Ademais, temos un proxecto piloto de avós e netos porque as persoas maiores son moi sensibles ao cambio climático, sobre todo as que viviron pegadas ao medio rural. Ó mellor non teñen coñecemento científico, pero poden trasladar como cambiou a súa forma de consumir e de moverse na vida.

P: Cre, entón, que aínda estamos a tempo de cambiar as cousas.
R: Como educador, teño que crelo. O problema sería non ter identificado o problema, pero temos un diagnóstico e sabemos o camiño que hai que seguir, hai que ir a un novo modelo enerxético.

P: Iso si que parece difícil porque supón cambiar o sistema de vida.
R: Os cambios de formas de vida non son doados, pero os educadores somos corredores de fondo.

P: ¿Que opina desa teoría de que se aveciña unha nova glaciación provocada, paradoxicamente, polo quecemento global?
R: É unha teoría bastante catastrofista, pode producirse, pero non é un dos grandes riscos cos que traballa o IPCCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático ) porque a última glaciación prodúxose nunhas condicións moi concretas que agora non se dan. Por exemplo, non hai tanta cantidade de xeo que se derreta e cambien as correntes mariñas de auga quente. Hai riscos peores, como que a temperatura suba catro graos en cen anos.

P: Climántica empezou no 2006. ¿Pode describir en que consiste?
R: Hai tres liñas. A primeira consiste en crear unha estrutura de modelo de educación ambiental interdisciplinar para todos os niveis educativos. Dous temas, o de cambio climático e o de enerxía, xa as temos totalmente acabados. A segunda liña consiste en enriquecer o currículo da educación ambiental, con obradoiros, novas tecnoloxías... Tivo unha implantación moi efectiva e xa hai 230 centros implicados. E a terceira liña consiste en crear unha rede educativa de carácter global sen fronteiras e sen límites educativos a través dun instrumento moi útil que é a web 2.0. É a máis ambiciosa porque trátase de chegar a toda a sociedade.

P: ¿Cantos profesionais traballan en Climántica?
R: Hai catro grupos de traballo (didáctica, edición gráfica, multimedia e asesoría científica), unhas trinta persoas que elaboran materiais, e uns 50 profesores (e proximamente outros 50) que traballan en rede cos seus alumnos. Seremos, en total, unhas 150 persoas de diversos ámbitos profesionais e países. Hai, por exemplo, unhas vinte persoas de Portugal. A resposta tanto do profesorado como do alumnado foi magnífica. Na primeira xornada de presentación para docentes houbo 72 e na segunda, 418. Levamos formado arredor de mil profesores. En canto aos estudantes, no primeiro congreso houbo 288 participantes e no segundo, 581.

Comentarios