Francisco Menéndez: ''A auga subirá un euro en casas de 3 persoas e 15 metros de consumo''

Francisco Menéndez.
photo_camera Francisco Menéndez.

O responsable do órgano de xestión hidráulica da Xunta informou onte en Lugo da nova lei de augas e a súa aplicación. Nun acto organizado por Xóvenes Agricultores, Menéndez avanzou que o novo canon comezarase a cobrar en 2012 e sostivo que a contía do 30% dos recibos baixará.


a xunta aprobou en novembro do ano pasado unha nova Lei de Augas para cumprir co mandato da UE de recuperar o custe dos servizos de abastecemento e saneamento. Porén, a norma, que entrará en vigor o próximo ano, segue a ser discutida polos concellos e descoñecida pola cidadanía. Menéndez viaxou onte a Lugo para explicala.

¿Quen pagará o novo canon da auga e dende cando?

Pagarao quen actualmente paga o canon de saneamento [esta taxa cóbrana os Concellos a través do recibo da auga, pero o diñeiro vai á Xunta]. Quítaselles este, que estaba pensado para financiar obras de saneamento, e pónselles o da auga, que se reinvistirá en calquera obra relacionada co ciclo da auga. Para algúns colectivos hai cambios. Os usos agrarios e gandeiros, que co actual canon estaba previsto que pagaran, quedan excluídos. Pola contra, os consumos de poboacións de menos de 2.000 habitantes, que estaban exentos, agora si pagarán. Estamos tramitando o regulamento para aplicalo coa entrada do ano, pero ao mellor tarda un pouco máis.

Pero establécese outra taxa chamada coeficiente de verquido.

O coeficiente de verquido é a taxa de depuración autonómica e cobrarase só nos concellos nos que as depuradoras son xestionadas pola Xunta. Neses casos, os concellos deberán eliminar a súa taxa de depuración. [No Concello de Lugo, no que a xestión da depuradora é municipal, os cidadáns seguirán pagando dúas taxas: a da auga, que é municipal e serve para custear a rede de abastecemento, e a de saneamento, que seguirá indo á Xunta pero chamarase canon da auga e as tarifas variarán].

¿E cos consumos das administracións públicas que pasará? ¿Terán que pagar por todos?

Hai usos que quedan exentos, como as fontes públicas, bocas de rego, baldeo de rúas e instalacións deportivas, agás campos de golf e piscinas. O resto de consumos pagarán, como o fan agora co canon de saneamento.

A modificación das taxas suporá tamén un cambio tarifario e a oposición di que os recibos se dispararán. ¿Canto subirán?

Temos calculado que, nun fogar de tres persoas que consuman 5 metros cúbicos ao mes cada unha, o incremento será dun euro. E o 30% dos recibos van baixar.

¿A Xunta está recibindo solicitudes de concellos para que se faga cargo das súas depuradoras?

Algunha recibiu, pero non se poden atender ata que entre en vigor a taxa de depuración autonómica. É normal, porque para algúns concellos supón unha carga técnica e económica importante.

Porén, non está previsto que a Xunta asuma as depuradoras de concellos de menos de 2.000 habitantes, cando serán as que máis dificultades teñan.

Inicialmente, pactouse coa Fegamp que non as asumiríamos porque non é sinxelo, por moitas razóns, recuperación de custes, dispersión poboacional..., pero estamos abertos a buscar fórmulas coa Fegamp e coas Deputacións. Xeralmente teñen máis dificultades os concellos grandes porque son instalacións máis complexas e os verquidos máis complicados.

Algúns concellos criticaron que o regulamento do canon da auga se espuxera ao público no verán.

Levamos tempo en conversas coa Fegamp, tempo houbo para revisalo, e aínda seguen abertas. Os quince días de alegacións que había aumentáronse a catro semanas, e hai convocada unha reunión coa Fegamp para mañá.

¿Recibiron moitas alegacións?

A Fegamp non está de acordo en que os concellos sexan as entidades recadadoras, pero non hai outra opción. Sería moi irresponsable e ineficiente separar as taxas e que o cidadán recibira dous recibos [a taxa que pagan aos concellos polo abastecemento e a da Xunta, canon da auga ou coeficiente de verquido, segundo o Concello].

Os concellos do interior critican que eles teñan que pagar á Confederación Hidrográfica polos verquidos aos ríos e que a Xunta non cobre aos costeiros por verter ao mar. ¿Hai previsto algún cambio?

Non, porque sería cargar aínda máis aos contribuíntes. Nesas zonas os afectados serían as empresas e os grandes concellos.

Pero, medioambientalmente, iso non se sostén.

A Confederación sostén os seus servizos de control dos cauces con ese diñeiro e a Xunta faino con ingresos propios. Ademais, xa hai unha ferramenta de control dos verquidos a través do canon de saneamento, e moitas industrias pagan en función da carga contaminante das augas que devolven. 

Comentarios