Francisco Caamaño: ''Estamos dispuestos a sacar cuantas plazas de personal para juzgados nos pida la Xunta''

De paso por Lugo para visitar o San Froilán, o ministro de Xustiza recordou que a eterna petición dun novo xulgado de instrución para a capital da provincia debe remitirse á Xunta de Galicia, que é a que se encarga de solicitar tanto as unidades xudiciais como o personal para atendelas. Nun alto na xornada festiva, Francisco Caamaño repasa a actualidade do seu departamento.

Está en mans dos xuíces resolver sobre a legalidade do recorte salarial aos funcionarios. Que pasará se se anula a decisión do Goberno?

Quero recordar que ese asunto non é de funcionarios propiamente ditos. Trátase dun colectivo de traballadores da Casa da Moneda, polo tanto empresa pública, non funcionarios públicos con problemas distintos vinculados a un conflito colectivo. De tódolos xeitos, nós creemos que subir ou baixar os salarios dos funcionarios ou de calquera outro empregado público é unha operación que forma parte da responsabilidade dun Goberno, adoptamos esa decisión porque cremos que era a mellor decisión para España e para o conxunto dos españoles e fixémolo a través dun decreto lei, dado as razóns evidentes de urxencia e necesidade, e polo tanto pensamos que é plenamente legal ese decreto lei.

En Lugo, sindicatos e personal dos xulgados levan moito tempo denunciando a situación de colapso e retraso e pedindo un novo xulgado de instrución. Hai algunha previsión ao respecto?

En Galicia as competencias para creación de xulgados, en materia de personal e en tecnoloxía son da Xunta de Galicia e non do Ministerio de Xustiza. É a comunidade autónoma a que solicita do Consello Xeral do Poder Xudicial e tamén do ministerio -que ten que adxudicar o xuíz e o secretario, pero só iso-, cántos xulgados se necesitan no territorio da comunidade. Para o ano 2011 a Xunta de Galicia solicitou no seu momento once unidades xudiciais, que eran as que lles correspondían de acordo cos criterios que están establecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial e que se gobernan nas conferencias sectoriais das comunidades autónomas. A Galicia parecíalle que esas once unidades xudiciais eran poucas e é certo que falaron conmigo e eu falei co resto das comunidades e dese reparto global conseguimos dous xulgados máis para Galicia. Pero a que se destinan, onde se ubican e a especialidade deses xulgados é competencia exclusiva da comunidade autónoma que o propón. O mesmo ocorre en materia de persoal. Nós estamos dispostos a sacar cantas prazas de persoal a Xunta de Galicia nos pida.

Outra vella demanda en Lugo é a creación dun xulgado específico de violencia de xénero. ¿Ve prioritaria a creación destes xulgados?

Nós sempre propuxemos a creación deste tipo de xulgados, de feito pensabamos que esas dúas unidades que conseguimos a maiores ían adicarse a xulgados de violencia de xénero. Pero é decisión da Xunta. Dende logo cremos que son fundamentais os xulgados de violencia contra a muller e por iso imos establecer no ano que vén algunhas modificacións lexislativas para potenciar este tipo de institucións. Porque tamén é certo que, en ocasións, tense a percepción de que faltan xulgados e non é de todo certo. En España entran aproximadamente 1.950 asuntos por unidade xudicial; en Galicia estase ao redor de 1.600 e pico e en Lugo nos 1.360. É bó non perder os contextos nos que nos movemos

A menudo vese nos xulgados ás vítimas de violencia de xénero chegando en compañía do seu agresor, como pode a xustiza protexer a esas vítimas?

A xustiza é moi difícil que protexa ás vítimas de violencia de xénero se elas mesmas non dan o paso adiante de quererse protexer e ser conscientes da realidade na que viven. E, desgraciadamente, tantos anos de cultura machista fan que nesta sociedade existan resistencias e formas de entender as relacións entre home e muller con claves que non se corresponden cos desexos do lexislador nin de calquera persoa que defenda a dignidade das mulleres.

A crise incrementou o número de casos que se ven nos casos que se ven nos xulgados do Social?

Efectivamente, a crise incrementou o número de asuntos nos xulgados do Social e Mercantil, por razóns obvias. Nuns basicamente por despido e noutros por ERE e concurso. O que fixemos foi facer un plan de reforzo para a xurisdición social, de xeito que se paga máis aos xulgados e a quenes traballan neles para que resolvan no prazo máis rápido posible, sobre todo situacións de despido que son as que máis afectan á xente, que está esperando indemnizacións. Outra reforma que acabamos de presentar é a da propia lexislación social, dando novas competencias a xuíces do Social que agora están dispersas. Hai moitos asuntos para os que hai que ir a tres xulgados de órdenes xurisdiccionais distintos: Social, Contencioso Administrativo e Mercantil. O que fixemos é que todo vaia directamente a un só xuíz e poida coñecer do que agora coñecen xurisdicións distintas.

As plantillas no Penal e Fiscalía de Menores en Lugo e nos xulgados de Monforte e Viveiro son as mesmas de hai 25 anos. Son suficientes para o volumen de traballo actual?

Dependen directamente da Xunta, polo tanto debe ser o conselleiro o que evalúe se son suficientes.

O conselleiro de Presidencia solicitou unha modificación da asistencia xurídica gratuíta, de xeito que non se cargue á Administración nos casos no que os que a reclaman teñen capacidade para pagala. Que opinión lle merece isto?

A xente debe saber que o beneficio de xustiza gratuíta non é un capricho é unha garantía constitucional. É a única posibilidade que a xente que non ten cartos ten de defender os seus dereitos e liberdades e é unha peza fundamental. É certo que onde hai transferencia de competencias de xustiza ás comunidades autónomas, os gastos por asistencia gratuíta corresponden á comunidade autónoma. E é certo que nos últimos anos incrementáronse moito eses gastos e case todas as comunidades que teñen as transferencias pediron unha modificación para a racionalización dos gastos. O Ministerio está traballando nesas modificacións, a resposta é clara, positiva pero tamén moi firme, estamos dispostos a racionalizar o proceso, abaratar costes, ter sistemas de control máis rigorosos, pero non a privar aos cidadáns dun dereito clave.

Trala polémica do caso Mariluz, como está a comunicación entre xulgados de distintas provincias?

O asunto que deu pé ao caso Mariluz, non que un xuíz non sabía que había medidas cautelares contra unha persoa, témolo actualmente resolto a través dun sistema que permite intercambio de información de archivos de forma que hoxe calquera xuíz de España pode entrar nese soporte informático e consultar se hai algunha medida cautelar acordada sobre un cidadán español en tempo real. En Galicia firmamos a semana pasada un convenio para modernizar os xulgados, que os porá en contacto co resto de xulgados de España.

Comentarios