miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Flores de noxo e plástico

ENTRE AS ILLAS HAWAI E California hai un mar de plástico. Cun millón catrocentos mil quilómetros cadrados, triplica a superficie de España. Esta xigantesca sopa de plástico  ten un peso aproximado de tres millóns e medio de toneladas e forma un sexto continente de lixo.

O sistema de ventos e correntes do Pacífico Norte amorearon ese lixo nunha zona encalmada. Ninguén pasa por alí nin é parte das principais rutas comerciais. Non está baixo ningunha xurisdicción e o público ignora a súa existencia. O peor de todo é que non hai solución: medrará mentres dure a dependencia tóxica do plástico, un material dúctil, de custo reducido e propiedades illantes.

Producimos moitísimo máis do que somos capaces de reciclar. Cada día sae dos supermercados, tendas e xigantescas superficies comerciais unha sementeira de bulsas de  plástico. Gratuítas. Agora dámonos conta que a auga que máis contamina é a embotellada. Cada día millóns de botellas e garrafas viaxan desde os estantes ata os vertedoiros. Unha porcentaxe salientable recíclase, outra non. E o mar de plástico ameaza con asolagar áreas inmensas do planeta no mar, ese caldo acuático onde ferve a vida, ou na terra estragada pola cobiza desa especie de virus bípede, apelidado sapiens sapiens. O xénero humano está a poñer en perigo o equilibrio de Gea, a nai nutricia da vida na Terra.

A pouco que abramos os ollos, o olfacto hai tempo que o perdemos, podemos observar aquí outro mar de merda que nos inunda: compresas. Nada hai criticable neste elemento necesario da hixiene feminina, pero si contra a inconsciencia ecolóxica dos fabricantes. Ofertan moitos tipos de tallas, con ás ou sen elas, extraplanas, extraabsorbentes, extragrandes ou extrapequenas. E o peor de todo, extraduradeiras. Pouco a pouco unha morea de compresas asolaga a terra, conquista as beiras dos ríos, flota nas praias, escapa polos volcáns dos sumidoiros cando rebentan pola enchente das tormentas. No río Rato e no Miño, no paseo fluvial que sube ata Rábade ou baixa ata a Fervenza. Despois de recoller unha ducia delas no martirizado paraxe de Penas de Rodas aínda nos preguntamos como carallo chegaron ata alí. E condóns. E bulsas de plástico.

Nas paisaxes máis fermosas, nos paseos fluviais creados para o goce, para o lecer, para escoitar as frases dun libro ou ler os asubíos do vento, para comungar coa natureza, van agromando ducias, centos de compresas nunha pandemia de plástico e noxo.

Estarán aí moitos anos. Crearán capas arqueolóxicas de plástico que explicarán que clase de devanceiros estúpidos fomos. E foron expulsados do paraíso porque envelenaron a casa con merda, con preservativos, con compresas. Porque sementaron a Terra con flores de noxo e plástico.

Flores de noxo e plástico
Comentarios