martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Executan a bachata coma se fose unha materia do bachatarelato

Atopeinos aos dous de moita carantoña pola rúa do Doutor Castro, apertados o un contra da outra de tal xeito que se se afastan, caen escarranchados no chan, ou na ventá arqueolóxica que alí hai.

-Ben se nota que estamos na rúa das Docerías, que veñen deixando un ronsel de azucre por onde pasan.

O Pelúdez mira cara atrás, crendo que o meu comentario era verdade en toda a extensión da frase.

-Susto levei! Coma teño unha lixeira endesposición de ventre, temín que fose ceibando parte do almorzo polos pantalóns abaixo.

-Non, ho! Era unha metáfora!

-Iso dixen; metá fóra e metá dentro.

-Animaliño -intervén a muller-. Cos anos que ten e aínda non distingue o falar poético do falar merdento.

Como a conversa non tiña moito amaño, retomeina polo principio.

-Así me gusta velos, de boa concordia.

-Non sabes como presta pelexar en parella aí contra a media noite, e reconciliar antes de durmir.

-Foi iso o que pasou?

-Le es moi pracenteiro -di ela-. Primeiro botámonos uns cantos pecados enriba do outro, e logo botámonos... outras cousas.

-O santo fai milagres! Xa saberán que aos nenos de Lugo que nacen en xullo chámanlles «fillos do San Froilán».

-O Peludeciño é de agosto. Polo tanto é fillo de Defuntos.

Estaba visto que hoxe non facía carreira deles, pero volvín a intentalo:

-E que plan teñen prá esta festividade corrida?

-Hoxe temos a pretensión de atacar o programa por dúas frontes. Os novos levarán as creaturas aos pallasos e nós, a todo o demais.

Logo de ver a Feira de antigüidades e coleccionismo, tocaba xa a exhibición de baile de Ritmo Lugo, con Jandro e Magalí no patio do Seminario.

-Moi bos son estes rapaces. Eu xa mirara prá eles nas vodas de ouro da Nora e mais do Amando, nas que estivemos convidados. Executan a bachata coma se fose unha materia do bachatarelato.

-Aínda máis! -confirma a Filo -. Eu cando os vexo, me relembro daquela festa na que me sacaches a beilar, me arrebolaches polos aires e fun dar cos meus ósos ao colo do siñor gobernador civil e xefe provincial do Movemento.

-Que tempos! Esa noite paseina por enteiro na cadea de García Morato, porque sospeitaban se non sería eu un dos fuxidos e ti, un arma de destrución masiva.

-Aquelas si que eran festas!

-Estoupidos había máis. E iso que en Baralla non se poden queixar do petardeo.

-E nós eramos moito máis novos, porque hoxe non podería guindarche polo aire nin contra do alcalde.

Cando remataron os artistas fomos tropezando con todos cantos grupos actuaban onte, ata que o Pelúdez deuse conta de que non había manteiros coma outros anos.

-Xa dicía eu que botaba algo de menos e non sabía o que. Os manteiros! E logo que pasou? Atoparon todos traballo no sector servizos?

-O que atoparon foi a policía.

-Vaites, vaites; que aínda que pasara unha noite na cadea no quere dicir que estea afeito a ela.

Á hora do concerto do violinista Ara Malikian quedaran de xuntarse as dúas faccións da familia co fin de velo en santa compaña, pois Vanesa sostiña que era un múseco axeitado aos nenos.

-Pódese dicir sen medo ao erro -presumiu a rapaza-, que eu son unha das másimas especialistas no labor do Malikian, pois o ano pasado, cando fomos tomar os baños a Burela, este, e mais eu, e mais o Járrison asistimos de corpore insepulto aos dous recitais que deu alí. Un prós adúlteros, e o outro, prós infantes.

-Como é que dis de corpore insepulto? Non ves que iso é unha burrada?

-De burrada, nada. Touconos enriba do audintorio e papamos unha calor que por pouco teñen que sacarnos de alí a culleradas.

O músico deu comezo ao recital, con moitas brincadeiras e coa correspondente exhibición do seu virtuosismo.

-Fixádevos que ben fala o tipo -observa Pelúdez-, que sendo de fóra se lle entede todo. Seguro que se vou eu onda el, non me entenden nin papa.

Ninguén tiña ganas de explicarlle nada, sobre todo cando o violinista baixa do escenario e forma unha conga prá levarnos dun sitio a outro en ringuileira.

-A conga, do Malikian, aí vén, aí vai...!

Executan a bachata coma se fose unha materia do bachatarelato
Comentarios