''Enseñaremos en Lugo como ahorrar en consumo energético''

Eliseo Diéguez. (Foto: AGN)
photo_camera Eliseo Diéguez. (Foto: AGN)

Desde hoxe e ata o luns permanecerá na Praza Maior, en horario de 10.00 a 20.00 horas, o módulo itinerante co que o Inega dalle a coñecer aos lucenses medidas que poden adoptar para diminuir o seu gasto en enerxía

o consumo de enerxía das familias galegas xa supón o 30% do total, só 19 puntos menos que o industrial. A metade dos 2.600 euros que gastan de media ao ano son para o combustible do coche; o 25% para calefacción e o resto para electrodomésticos. Os fogares e o transporte son os sectores que máis aumentaron esta partida nos últimos anos. O Inega está a levar a cabo campañas, como a do módulo itinerante que estará ata o luns en Lugo, coas que pretende que os cidadáns se dean conta da necesidade de aforrar e de que «con pequenos xestos» se pode contribuir a ese obxetivo, segundo di o seu director.

Cal é a mensaxe que pretende facer chegar á cidadanía?

O aforro e a eficiencia é un dos pilares básicos da política enerxética da Xunta e a administración debe dar exemplo neste eido. Necesitamos aforrar enerxía porque é un ben necesario, pero caro e escaso. Un tercio da poboación non ten acceso a ela ou ten dificultades. Ademáis temos unha grave dependencia exterior -a nivel nacional máis do 80% en enerxía primaria e o 79% en Galicia-. Importamos todo o carbón, todo o petróleo e todo o gas. Debemos seguir diminuindo as emisións de CO2 e demáis gases contaminantes, non só por cumprir coas directrices europeas e o protocolo de Kyoto, senón pola necesidade de loitar contra o cambio climático. A maior parte da enerxía que consumimos é esgotable, ten data de caducidade, e altamente contaminante. E estamos sometidos á fluctuación dos mercados, sobre todo do petróleo. Cada vez que imos a botar gasolina ou gasóleo vemos que subiu o seu prezo.

Que consellos elementais para aforrar se poden dar?

Cambiar un electrodoméstico pouco eficiente por outro de alta eficiencia pode significar un aforro do 30% e mesmo do 40%. Poñer ventás con aillamento axeitado permite que diminúa un 30% o consumo en calefacción. Estas son medidas que supoñen facer un investimento, pero outras non tanto. Entre usar lámparas de baixa eficiencia e outrasde alta podemos aforrar ata un 80%. Tamén se poden poñer sistemas de detección do paso para que se apaguen as luces ou cambiar equipos de climatización ou caldeiras para o que damos axudas.

Os cidadáns decátanse?

Sí. Ademáis pódese aforrar sen moito investimento e no caso de que sexa necesaria hai axudas por parte da Consellería e do Inega. No que vai de lexislatura levamos investidos 58 millóns de euros. E outra cousa que é importante é o investimento asociado que é superior aos 170 millóns. Este movemento económico contribúe a axudar a sectores que agora o están pasando mal. Coas medidas que se implementaron conseguimos un aforro anual de 90 millóns de euros, 200.000 megavatios e 42.000 toneladas de CO2 non emitidas á atmósfera.

Comentarios