En zapatillas

En certos territorios peninsulares, de menor humidade e frío có noso, outrora levar calzado lixeiro resultaba signo popular, da chamada clase modesta; calzar alpargata, expresión connotada que algunha novela amosa, necesitaría agora unha nota a pé de páxina por mor dese lector novo —en hábito e idade— que constitúe figura ideal e obxectivo explícito da planificación educativa.

Ben sabido é que, arestora, os rapaces adoitan calzar lixeiro todo o ano, se ben con factura sintética e caucho en vez da antiga lona e esparto; é tan habitual a zapatilla que non sorprende a súa mención no vestiario interno e externo. Por tal, vinme impelido a demandar explicación para entender un caso acontecido o outro día, aquí mesmo, en San Roque.

Era xoves ou venres. Pola tardiña, escoitei certo rebumbio abaixo, na rúa, e o que semellaba choro de neno; vou onda a xanela, vexo unha morea de xente, varios coches policiais. Baixo. O laio, máis ben de muller adulta, vén da casa ante cuxa porta están os axentes. Un adulto, de paisano, suxire co movemento un grao respectable de intoxicación etílica; outro máis mozo vocifera, aparenta arrepoñerse, bebe a cada pouco nunha botella de cervexa, das de litro.

Moito circunstante só contempla a escena. Certo coñecido relata que a media tarde un home maduro, borracho, estaba sentado na beirarrúa, cos pés seica na calzada, e onda el dúas criaturiñas en zapatillas, pero das da casa; no mes de xaneiro. Entendido o caso, non me estrañou a secuela: alguén chamou a policía.

Non cheguei a saber qué acontecera antes, nin máis tarde, na vivenda dos directamente participantes e afectados. O barullo seguía, veu unha ambulancia e volveu marchar aos dez minutos, aparentemente sen carga de indispostos. A xente falaba, e non para ben, do gasto que supón tal operativo; non é a primeira vez, tampouco estraña.

Sexa aclarada a situación, e falemos claramente. Pasamos por sociedade e país en benestar; tal situación atrae persoas de lonxe, que buscan mellorar a vida. A maior parte delas traballan seriamente (a miúdo dan exemplo), escolarizan os fillos, a pouco de chegaren forman xa parte de nós. Outros queren o mel sen sacalo do trobo; coma os seus semellantes e autóctonos, fan trampa, non cumpren as normas.

É difícil aprender de maior; hai que educar cando mozo. No xardín de San Roque adoita haber nenos, en horario escolar, que non van á escola; déixoo aquí escrito por se alguén quere sabelo. Farto de esperar.

Comentarios