En Galicia vai moito frío

NO INVERNO, claro. Nos ritmos da natureza e para a saúde dos ecosistemas o frío é necesario, especie de profiláctico que frea as pragas. As árbores descansan no ciclo da vita ata a explosión da primavera.

Outra cousa é o frío paralizador na vida das persoas, a escuridade que condena a tantas familias á pobreza enerxética. Sen luz, o frío é máis frío. Os martirizados pola crise, expulsados do paraíso do benestar xa non poden facer fronte ás facturas do gas, da auga, da luz, da calefacción.

Só un sistema económico malvado condena ao frío e á escuridade a centos de miles de familias ás que antes lles roubaron o traballo. Éche un crime que a intemperie entre no salón da casa. Esta crise provocada para poñer de xeonllos a países enteiros, está a acabar co estado social e coas políticas de equidade que dignificaban a vida de todos.

A xente que non pode encender a luz e que desactivou o termostato da calefacción non pode entender que gobernantes pactaron e aceptaron o diabólico sistema do déficit de tarifa que condena ao Estado a unha débeda impagable. O chamado déficit de tarifa, galimatías inintelixible para os consumidores que xa pagan a electrecidade máis cara de Europa, permite o saqueo legal. Gobernos sucesivos aceptaron a tese tramposa e as presións das poderosas eléctricas para que recoñeceran que as tarifas non cubrían os costos de produción. Tarifas máis baratas si os cobren nos países máis ricos de Europa. Aquí prodúcese para as eléctricas o milagre dos panes e dos peixes que multiplica as súas gañancias mentres engorda a nosa débeda.

E hai familias que xa non poden pagar. En 2012 cortáronlle a luz a 1,4 millóns de fogares. Que pasará este ano, este duro inverno? Pódese permitir que centos de miles de familias tremeliquen a escuras mentres as poderosas eléctricas quéntanse cos beneficios e sentan nos seus consellos a políticos que gobernaron tan ben para eles e tan mal para os cidadáns?. Si, neste inverno vai tanto frío que está a conxelar o estado social mentres o termostato da cobiza quenta só a uns poucos. Porque hai pobrezas engadidas que a falta de luz da crise oculta. Por exemplo o crecemento expoñencial da desigualdade en España, ou a fonda inxustiza na distribución da renda e da riqueza, ou a concentración dos beneficios nos petos duns poucos, ese 13% máis de millonarios.

O frío das familias é un berro que deslexitima a gobernos insensibles, a políticos mediocres, a esta democracia que non está ao servizo das persoas, a un sistema económico que se comporta como hospital que cura aos sans e mata aos enfermos.

As temperaturas están baixo cero, e baixo cero está política de xeonllos ante o matonismo económico nun país onde aínda non chegou o inverno e xa vai moito frío.

Comentarios